A concellería de Educación ofrece colaboración á Xunta para que as nenas e nenos poidan recuperar os libros de texto

Felipe Rivas: “trátase dunha medida que nos veñen reclamando as familias e os equipos directivos dos centros desde o inicio o estado de alarma”

"Ofrecémonos a colaborar e estamos dispostos a aportar ideas, pero trátase dunha competencia da Xunta" afirmou Felipe Rivas

Luns, 20 de abril de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A concellería de Educación ofrece colaboración á Xunta para que as nenas e nenos poidan recuperar os libros de texto

O concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, ofrécese a colaborar coa Xunta de Galiza para artellar mecanismos que permitan que as familias poidan recuperar os libros de texto que deixaron nos centros educativos. “Queremos que as familias poidan contar con todos os recursos educativos que permitan continuar a formación das nenas e nenos”, declarou Felipe Rivas, que afirmou que os libros de texto son “material fundamental para que as nenas e nenos poidan realizar as tarefas desde a casa”.

“Ofrecémonos colaborar coa Xunta de Galiza, que é quen ten as competencias en educación”, afirmou Felipe Rivas, que engadiu “o persoal do Concello que traballa nos centros podería colaborar na preparación dos lotes de libros, mentres que o parque móbil da Xunta de Galiza realizaría a entrega ás familias”. “A Xunta dispón de Axentes Forestais con vehículos que tamén poderían colaborar no reparto dos lotes de libros nas 56 parroquias do Concello de Lugo”, declarou Felipe Rivas.

“Trátase dunha medida que veñen solicitando as familias e os equipos directivos dos centros desde o inicio do estado de alarma”, afirmou o concelleiro de Educación. “Isto sumaríase ao servizo de impresión para familias sen recursos, que está a ter unha gran demanda por parte da veciñanza”, declarou Felipe Rivas.

Audio

  • O concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, sobre a recuperación dos libros de texto | Descargar mp3

Noticias relacionadas