O centro social foi aberto pola Alcaldesa lucense co fin de facilitar espazos e accións que faciliten unha maior convivencia e socialización e entre veciñanza de todas as idades.
O prazo de inscrición para as actividades estará aberto do 13 ao 17 de marzo, podendo realizar a mesma no centro da Milagrosa, de 10.00 h. a 13.00 horas.

A concellería de Benestar Social, Inclusión e Persoas Maiores, que dirixe Olga López, desenvolverá obradoiros interxeracionais no Paco Martín, centro social que foi aberto pola alcaldesa, Lara Méndez, co fin de facilitar e potenciar unha maior socialización entre a veciñanza de todas as idades. Segundo a concelleira, o centro “xa é referencia polo seu carácter multifuncional e a existencia de espazos comúns nos que se fomenta a convivencia”-
López sinalaba que, “este programa pretende ofrecer moitas e variadas actividades co obxectivo de apostar por fomentar encontros interxeracionais porque é especialmente beneficioso e enriquecedor para a sociedade que tanto os maiores, como os nenos e a mocidade compartan actividades e saberes".
O prazo de inscrición será do 13 ao 17 de marzo, podendo realizar a mesma no centro de convivencia da Milagrosa de 10.00 h. a 13.00 horas.
A programación incluirá a celebración nos vindeiros meses de sesións de baile, contacontos, ximnasia tipo ioga e risoterapia familiar. Estas accións complementarán o uso libre do centro como punto de encontro de reunión da cidadanía, “xa que queremos que fagan súas as dependencias, tanto para reunións como para gozar a nivel individual”.
Actividades
Baile latino (merengue, chachachá) (14 prazas)
- Os martes, de 19:00 h. ás 20:00 horas
- Do día 21 de marzo ata o 30 de maio
Ioga en familia (15 prazas)
- Os mércores, de 19:00 h. ás 20:00 horas
- Do día 22 de marzo ata o 31 de maio
Contacontos, monicreques (15 prazas)
- Os venres, de 17:00 ás 19:00 horas
- Do 14 de abril ata o 26 de maio
Risoterapia familiar (15 prazas)
- Os venres, de 19:00 ás 20:00 horas
- Do día 24 de marzo ata o 26 de maio