A Comisión de Tráfico, que preside Lara Méndez, ratificou hoxe os itinerarios e a normativa de Carga e Descarga no Centro Histórico

 Santo Domingo será de dobre dirección entre as rúas da Raíña e Armanyá, manténdose as indicacións para as cinco zonas xa en vigor.

A entrega de mercancías poderá efectuarse de 07:00 a 11:00 horas e de 15:30 ás 17:30 horas, para facilitar a compatibilidade de usos e en prol da conciliación cidadá.

No encontro aprobouse tamén, a proposta da alcaldesa, autorizar a libre circulación dos taxistas no recinto amurallado “sen esquecer a prioridade peonil e dunha maneira respectuosa co conxunto da mobilidade”, subliñou Méndez.

Entre outros asuntos, acordouse estudar a conveniencia de instalar un novo paso de cebra na confluencia de Río Narla e Reverendo Xosé Fdez. Núñez coa Avenida da Coruña para incrementar a comodidade dos viandantes e a súa seguridade.

Venres, 01 de xullo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
   A Comisión de Tráfico, que preside Lara Méndez, ratificou hoxe os itinerarios e a normativa de Carga e Descarga no Centro Histórico

A Comisión de Tráfico do Concello de Lugo, convocada e presidida pola alcaldesa, Lara Méndez, vén de ratificar as zonas, itinerarios, portas de entrada, zonas de carga e descarga así como os seus horarios no Centro Histórico.

Unha medida – segundo explicou a rexedora - que “obedece á adecuación da normativa e da sinalización á nova ordenación que supuxo a peonalización de Quiroga Ballesteros, sempre en prol de mellorar a convivencia cidadá e de conciliar a prioridade que o peón ten nestes espazos, coa protección do patrimonio pero tamén coas necesidades dos sectores comercial e hostaleiro”, sinalou.

Así, ratifícanse os cinco percorridos xa establecidos, habilitándose o dobre sentido de circulación no tramo de Santo Domingo que discorre dende a Rúa Armanyá e a Rúa da Raíña polo que se procederán a suprimir as indicacións provisionais.

Igualmente, quedarán como puntos de carga e descarga as Prazas Santo Domingo, Armanyá, Soidade, Pío XII e Campo Castelo, alén das rúas Nova, Luis Peña Novo, Fernando Casas Novoa e a zona da Tinería nas que se poderá deixar mercancía entre as 07:00 e as 11:00 horas e entre as 15:30 e as 17:30 horas.

Lara Méndez propuxo e autorizou, ademais, a libre circulación dos taxistas no recinto amurallado para facilitar o seu traballo e poder atender as demandas da cidadanía con relación a este tipo de servizos, “dunha maneira respectuosa co conxunto da mobilidade que se rexistra na contorna e na que sempre debe prevalecer a seguridade dos e das viandantes”, subliñou a alcaldesa.

Así mesmo, xunto ao resto de asuntos abordados na xuntanza celebrada esta mañá, acordouse estudar a instalación dun novo paso de cebra na cofluencia de Río Narla e Reverendo Xosé Fernández Núñez coa Avenida da Coruña para incrementar así a comodidade e protección das persoas ao incorporarse camiñando a estas vías nun espazo de gran afluencia de circulación.

Noticias relacionadas