A Comisión de Festas reunirase cos polbeiros e caseteiros o 17 de abril

Venres, 04 de abril de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura mantivo unha nova xuntanza cos responsables políticos que integran a Comisión de Festas, para tratar de novo a proposta feita polos polbeiros e caseteiros de San Froilán, que solicitan que se cambie a fórmula de adxudicación do solo e se establezan condicións similares ás que teñen os feirantes.

A proposta inicial fixérona os caseteiros que participaron nas festas de San Froilán do ano 2007, e para tomar unha decisión, a Comisión de Festas decidiu reunirse antes con todos os participantes nas diferentes edicións das festas patronais, así como co presidente da Asociación de Hostaleiros, José Francisco Real.

O vindeiro día 17 de abril, polo tanto, haberá unha nova xuntanza da Comisión cos 8 caseteiros e arredor de 8 polbeiros que asistiron a algunha das edicións destas festas lucenses.

Os hostaleiros solicitan que o solo se conceda por petición, a través dun sobre pechado e cun plego de condicións que estableza un baremo para a adxudicación. Na actualidade o sistema empregado é o da subasta pública.

Noticias relacionadas