A Comisión de Contas aborda as alegacións aos Orzamentos, que se debaterán o mércores en Pleno

Venres, 13 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Comisión Especial de Contas e Ordinaria de Desenvolvemento Económico abordou este venres como único punto na orde do día a proposta do Goberno local de resolución de alegacións e de aprobación definitiva dos Orzamentos do Concello para 2016, proposta que será debatida pola Corporación nun Pleno extraordinario o vindeiro mércores. Os grupos da oposición resolveron dúbidas sobre a documentación, que lles foi entregada onte, e procedeuse á votación da proposta, que contou co apoio do PSdeG e a abstención das restantes formacións, Lugonovo, BNG, Ciudadanos e PP.

En base aos informes técnicos elaborados polos servizos municipais de Intervención, Vicesecretaría e Persoal, o Goberno propón inadmitir ou desestimar as alegacións presentadas polos sindicatos CSIF, UXT, CC.OO. e Agora e por dous propietarios de terreos no Carme, e admitir unha formulada por Agora, CC.OO. e UXT, relativa á anulación das prazas vacantes na plantilla que non figuran na RPT.

O Goberno, tal e como subliñou a Alcaldesa, Lara Méndez, confía en sacar adiante o mércores os Orzamentos 2016, un “instrumento de traballo fundamental” porque “hai moitos cidadáns que están esperando a que se aproben para que se poidan executar obras no Concello, reactivar a economía ou recibir unha subvención da que depende a súa actividade”.

Noticias relacionadas