Comeza a votación popular para escoller o cartel anunciador do Arde Lucus

A cidadanía disporá de toda unha semana para elixir, a través das redes sociais, o deseño que máis lle guste e o día 13 de marzo será un xurado profesional quen determine a obra gañadora do certame

Xoves, 05 de marzo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comeza a votación popular para escoller o cartel anunciador do Arde Lucus

Comeza a conta atrás para escoller o cartel que anunciará o Arde Lucus MMXX.

Dende hoxe e até o próximo 12 de marzo os 41 deseños que se presentaron ao certame convocado pola área de Xuventude someteránse a votación popular, da que sairán as obras seleccionadas que logo serán xulgadas por un xurado profesional.

Os carteis permanecerán expostos na redes sociais do Arde Lucus durante toda unha semana co obxectivo de facer cómplice e partícipe á sociedade na elección da imaxe que lle dará proxección a esta festa declarada de Interese Turístico Galego e Nacional e que, nesta edición,  terá lugar do 25 ao 28 de xuño.

As obras poderán votarse dende este mediodía a través  do Facebook dos festexos, www.facebook.com/ardelucuslugo, ata as 12:00 horas do 12 de marzo. Para poder participar soamente é necesario rexistrarse cun enderezo electrónico, o que permite un reconto de votos máis seguro.

A edil de Igualdade, Muller e Xuventude, Ana González Abelleira, convida a toda a veciñanza a participar na selección que se fará pública nas canles oficiais do Arde Lucus e na propia web da festa e do Concello de Lugo.

A continuación, o venres, 13 de marzo, ás 11:00 horas, na Casa da Xuventude, un xurado formado por tres persoas expertas, será o encargado de determinar a obra gañadora entre as dez que obtiveran maior puntuación na votación popular.

O certame premiará con 1.300 euros á persoa vencedora. O resto de carteis quedarán expostos durante un mes na Casa da Xuventude e terán difusión a través redes sociais.

Noticias relacionadas