A cidade presume de tres patrimonios da humanidade en Fitur coa campaña Vén; é Lugo

A Alcaldesa destacou os datos tan positivos do turismo en Lugo, xa que só no 2015 a cidade recibiu un 5% máis de visitantes que o ano anterior, aumentando tanto o turismo nacional como o estranxeiro

Xoves, 21 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A cidade presume de tres patrimonios da humanidade en Fitur coa campaña Vén; é Lugo

O Concello presentou hoxe no marco da 36ª edición da Feira Internacional de Turismo (FITUR), que se celebra no recinto feiral IFEMA ata o próximo domingo, a campaña turística Unha viaxe no tempo: Pasado, presente e futuro. Ven, é Lugo, que rende homenaxe aos tres Patrimonios da Humanidade cos que conta a cidade: a Muralla, a Catedral e o Camiño de Santiago.

A Alcaldesa, Lara Méndez, conduciu o acto, no que interviñeron a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o deputado de Turismo na Deputación, Eduardo Vidal, e a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, acompañados por membros da Corporación Municipal e ao que asistiu numero público, entre eles autoridades, turoperadores, e xornalistas e blogueiros especialistas no eido turístico.

A rexedora destacou que “FITUR, con máis de 220.000 visitantes e 165 países e rexións reunidos, é para o Concello de Lugo unha cita imprescindible, unha oportunidade única para promocionar a riqueza histórica, cultural, natural e gastronómica da nosa cidade, pero tamén o calor das nosas xentes, a tranquilidade, o pracer de pasear polas nosas rúas, polo entorno do Miño ou do Rato, para degustar a nosa cociña e descubrir a cada paso recunchos inesquecibles dunha cidade, ante todo, acolledora”.

Tamén destacou os datos tan positivos de turismo na cidade, “como mostra, no 2015 Lugo recibiu un 5 por cento máis de visitantes que no ano anterior, aumentando tanto o nacional como estranxeiro”.

“Sabemos do enorme potencial da cidade no ámbito turístico e sabemos que debe converterse nun motor económico, tendo en conta ademais que o 80 por cento do tecido empresarial do municipio pertence ao sector servizos, co que, crece o turismo, crece a nosa economía e crece a nosa cidade”, segundo explicou Lara Méndez, quen lembrou que “Lugo ten moito que ofrecer; é un tesouro patrimonial e paisaxístico situado no interior de Galicia que atrae a quen o coñece”.

Pola súa banda, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua fixo referencia a Lugo como “unha cidade cun enorme peso histórico, fundada fai máis de dous mil anos, como outras moitas cidade de Europa que teñen a súa orixe na época do imperio romano, a conciencia colectiva das súas antigas orixes é aínda maior, xa que nos vemos todos os días o seu pasado romano”.

O turismo contribúe a que a actividade económica non se resinta a pesar da crise. Neste senso, “temos unha cidade ideal para conseguilo, con dous mil anos de historia, un monumento único no mundo, un recinto histórico de gran beleza, unha gastronomía singular e de gran calidade, unha cidade amable e acolledora e socialmente ben articulada”, afirmou Carmen Basadre.

Vídeo promocional

No acto tamén se presentou un vídeo promocional do Camiño de Santiago ao seu paso por Lugo, protagonizado por un peregrino que decide realizar unha viaxe bimilenaria pola cidade.

Na montaxe audiovisual visualízanse os tres Bens Mundiais, a Muralla de Lugo, que cumpriu o pasado ano 15 anos da súa declaración como Patrimonio da Humanidade sendo a única Muralla en pé que se recorre por riba na súa totalidade, a Catedral e o Camiño Primitivo. Ademais, a entidade local incluíu no vídeo a Ponte Romana, o casco histórico, a Praza Maior, a Casa Consistorial, o Parque de Rosalía, o MIHL, e o Río Miño, así como imaxes relacionadas co Arde Lvcvs ou coa gastronomía, entre outros.

Ademais deste vídeo, o Concello reparte en FITUR máis de 6.300 folletos promocionais de Lugo, así como guías, planos, marcapáxinas ou lapis nesta feira de turismo, que prevé superar a cifra dos máis de 222.500 visitantes da edición anterior.

Convenio Grupo Alsa

Por outra banda, o Concello e o Grupo Alsa asinaron hoxe un novo convenio para apoiar e participar no Arde Lvcvs. Grazas a este convenio, os viaxeiros que queiran achegar a gozar desta festa, que se celebrará entre o 16 e o 19 de xuño, terán un desconto do 25% nas viaxes realizadas con saída ou destino Lugo 3 días antes do festexo e 2 días despois.

Audio

Multimedia

Noticias relacionadas