Carmen Basadre pregoa a VII Feira Medieval de Fontiñas e pide coidar e difundir o Camiño Primitivo, Patrimonio Mundial, que atravesa o barrio

Se hoxe se celebra una feira medieval non é de casualidade. As Fontiñas foron, precisamente desde a Idade Media, unha das entradas principais de Lugo"; subliñou a edil no seu discruso, no que tamén evocou a esencia das feiras e festas para o pobo

Tras o pregón, a edil xunto coa Alcaldesa, o Voceiro Municipal, as concelleiras de Benestar Social e Concello e Cidanía, e representantes da organización fixeron unha visita aos postos parcipantes na feira

Sábado, 14 de abril de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Carmen Basadre pregoa a VII Feira Medieval de Fontiñas e pide coidar e difundir o Camiño Primitivo, Patrimonio Mundial, que atravesa o barrio

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, ofreceu este sábado o pregón da sétima edición da Feira Medieval de Fontiñas, unha cita coa que un ano máis colabora o Concello, pois potencia a actividade económica e social do barrio e axuda a facer cidade.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Voceiro Municipal, Miguel Fernández, e as concelleiras de Benestar Social, Igualdade e Inclusión; e Concello e Cidadanía, Ana Abelleira e Rosana Rielo, achegáronse á Praza do Camiño Primitivo para escoitar o pregón deste encontro, que reúne ata mañá uns 60 postos de artesanía e alimentación, ademais de actuacións musiciais e atraccións. Posteriormente, e xunto con representantes da organización, fixeron unha visita aos stands participantes na feira, impulsada pola asociación de hostaleiros da zona, que xa é cita obrigada no calendarios dos e das lucenses.

Din que é de “ben nacidas, ser agradecidas” e por iso quero empezar este pregón agradecendo ós industriais e veciñanza das Fontiñas dúas cousas: en primeiro lugar que un ano máis se esforzaran e traballaran para organizar a VII Feira Medieval neste entorno para goce e disfrute de toda a cidadanía  de Lugo e de todas as persoas que nos veñan a visitar; e, en segundo lugar, que me invitaran a ser a súa pregoeira.

Xa sei que o fixeron porque saben que a min me gustan as festas; saben que ademáis do Arde Lucus ou do San Froilán,  gústame que os distintos barrios de Lugo teñan sempre algo que celebrar. As festas ou feiras temáticas, reúnen ás familias; as festas reúnen nun lugar, neste caso nas Fontiñas, á xente que vivimos nos distintos barrios de Lugo e tamén a todas as persoas que nos veñan a visitar. O outro día foron no Barrio da Ponte, nas Gándaras; despois serán en San Antonio-Residencia ou na Milagrosa ou na Piringalla. E non deixemos de pensar na ampla zona rural, na que cada Parroquia ten o seu Patrón ou Patrona e polo tanto a súa festa.

Dirán, ¡e esta Concelleira non pensa máis que en festas! Xa saben que non, pero vostedes saben como eu, que traballamos duro durante moitos días do ano e que por iso merece a pena darlle “alegría” ó corpo durante uns días. Ben é verdade que non todos traballamos porque hai moita xente, demasiada, que non ten esa oportunidade polo maldito paro. E outra porque están vivindo unha xubilación merecida aínda que as pensións… ¡Ay as pensións! quédanse un pouco cortas. Pero bueno, viñemos á festa e imos falar da festa ou feira.

As Fontiñas tal como as conocemos hoxe, naceron a partir dos anos setenta no que eran unhas fincas de labradío, con moitas fontes, de distintos propietarios que vivían perto delas por exemplo en San Xillao. Ou non tanto porque había propietarios que vivían en Sanfiz, no Rato ou en Castelo.

 Pero Lugo foi crecendo e naquel momento pensouse en facer esta vía que servise como unha segunda ronda para comunicar mellor o norte e o sur da cidade. Empezaba a desenvolverse o Ceao e había que comunicalo co sur da cidade pasando polo barrio da estación.

E naceu, como lle gusta  dicir a un gran xornalista hoxe xubilado, D. Rafael Vilaseca, “o gran boulevard das Fontiñas”. Está claro que é un gran boulevard, aínda que…con demasiados coches. E arredor de ese boulevard construironse todas as casas que hoxe vemos e que dan acubillo a miles de persoas que viñeron a vivir aquí procedentes de outros barrios da cidade e mesmo de outras vilas da provincia. Tamén dotacións públicas como é o Instituto, ou a Escola Infantil Municipal ou o centro Social Maruja Mallo.

¡Non me dirán que alguna vez non soñan con ver as rúas con menos circulación e con menos coches no entorno!. E subir e baixar máis axiña e cómodo. Bueno vou calar porque xa vexo que algúns e algunhas me están mirando de reollo.

¿Pero realmente as Fontiñas naceron na década dos setenta?. Non nin moito menos. Se hoxe se celebra una feira medieval non é de casualidade. As Fontiñas foron, precisamente desde a Idade Media, unha das entradas principais de Lugo. A cousa está clara porque os peregrinos do Camiño Primitivo a Santiago, hoxe patrimonio mundial, entraban e entran por onde estamos nos.

Cánta historia, cánta cultura, cánta aproximación entre homes e mulleres de moi distintas nacións desta vella Europa. Pensar no que foi o Camiño de Santiago e, sobre todo, no que poderá ser nos próximos anos e séculos, é algo que enche a nosa imaxinación e nos invita a soñar. Non me diredes que algún día non pensástedes nos Reis Alfonso II “El Casto” ou en Alfonso VI que fixeron o Camiño Primitivo e seguro que entraron a Lugo por aquí. Bueno para que non se enfaden os de Castelo e a Chanca, que tamén son Lugo, entraron no que é a parte máis urbana polas Fontiñas porque por Castelo e a Chanca pasaron, sen dúbida,tamén as comitivas rexias.

De nos depende que este Camiño sexa un camiño sen fin. Non só depende das administracións, que tamén, pero tamén de todos e cada un de nós. Se o coidamos, se o coñecemos e o damos a coñecer, se tratamos ben ós que  nos visitan, se somos fieis á nosa historia, ó Camiño, polo tanto as Fontiñas, terán, como dicía Cunqueiro  “mil primaveras máis”.

Por iso ten tanta importancia esta feira medieval. Porque dalgún xeito revivimos aqueles momentos, a aquelas persoas e persoeiros que seguro que viviron e pasaron por aquí.

 Seguro que tamén pasaron comerciantes, artesáns, actores e actrices, que terían que sacar uns maravedíes para pagar a viaxe xa que viñan desde moi lonxe.

Vou soñar e soñade conmigo. Sería marabilloso que a xente do lugar, e os que nos visiten, se vestisen da época para darlle máis valor aínda á feira. E que os de Lugo somos a releche: castrexos, romanos e medievais. Case nada.

E por soñar que non quede. Imaxínense que un día da festa os establecementos de hostalería o dedicasen a cociñar e preparar a comida como facían os medievais.Tendo como temos aí o lado ese magnífico Instituto de “San Xillao”, que da clases de cociña, e son testigo de que o fan de marabilla, teríamos que pedirlles que nos enseñen algo daquela cociña medieval. Bueno algo sabemos, porque os asados de hoxe non se diferencian moito dos asados de aquela época. E o viño ou a cervexa tampouco.

E xa que falo do Instituto deixen que por un momento fale o meu corazón pola noticia que leín fai algo máis dunha semana sobre un alumno que é autista. Qué comunidade escolar máis marabillosa que soupo dedicar unhas horas para preparar ós compañeiros e compañeiras para que comprendan ó rapaz e saiban integralo na vida diaria do Instituto. Feitos así fan que pensemos que no mundo, a pesar de todo, haimoitas máis personas boas que malas.

E teño que ir rematando. Vostedes viñeron aquí para disfrutar, para recrear á nosa historia, para ser felices. E iso é realmente o máis importante. De verdade que lles desexo unhas boas festas e unha boa feira; que impere a moderación e que  sexan unhs días familiares e de amizade. Ah! E una cousa: que as persoas organizadoras vaian preparando xa a Feira Medieval Das Fontiñas do ano 2019!.

Multimedia

  • Carmen Basadre pregoa a VII Feira Medieval de Fontiñas e pide coidar e difundir o Camiño Primitivo, Patrimonio Mundial, que atravesa o barrio

Noticias relacionadas