A axenda lúdica e cultural do Concello vén cargada de actividades para a fin de semana

Obradoiros de escritura romana, de fabricación de moedas e escudos; andainas polo Camiño Primitivo e o rural, actuacións musicais, cine arqueolóxico e un desfile de moda romana e castrexa son algunhas das alternativas para os vindeiros días

Venres, 18 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A axenda lúdica e cultural do Concello vén cargada de actividades para a fin de semana. En concreto, para esta mesma tarde propón unha representación teatral, Cleopatra e Marco Antonio, a cargo da compañía luguesa Hipócrita Teatro. Esta actividade, enmarcada dentro da programación do Arde Lvcvs Cvltvral, arrincará ás 20:00 horas no Vello Cárcere.

Ás 20:30 horas tamén arrinca a XLVI Semana de Música do Corpus, coa actuación A morte e a rapaza, a cargo do Cuarteto Quiroga. O Círculo das Artes acollerá o inicio deste festival, de recoñecido prestixio en Europa, que continuára a vindeira semana.

Para mañá sábado, a entidade local ten programado o obradoiro Escritura e caligrafía romana, a cargo da asociación de recreación histórica de Lugo Pax Romana Lvcvs. O Vello Cárcere, de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas, será testemuña da destreza dos e das luguesas coa pluma e a escritura do alfabeto romano, que constaba orixinalmente de 23 letras maiúsculas.

A oferta para a xornada de tarde inclúe a andaina Pasos con historia, Descubre o Camiño Primitivo. A saída será ás 17:30 horas dende a Oficina Municipal de Turismo, onde se deben facer as inscricións para esta ruta que recorrerá o adarve da Muralla, dende Campo Castelo ata Porta de Santiago, onde se fará unha parada na Catedral, para continuar pola Muralla ata Porta Miñá. Posteriormente o percorrido será pola nova senda do Camiño paralela ao Regueiro dos Hortos ata a Ponte Romana. Esta programación continuará o día 2 e 30 de xuño.

A partir das 20:30 horas, o trío Tramontana ofrecerá un concerto no Vello Cárcere, dentro do ciclo de Música Mesturadas. Aurora Pajón á frauta, Mathilde Bernanrd na arpa e Alejandra Martín na viola, presentarán a-temporel, un concerto que inclúe a estrea de Merci Simone, Étude sonore et fantaisie feministe n1º, unha obra que evoca o derito ao voto feminino e rende homenaxe á filósofa e política francesa Simone de Beauvoir. A actuación tamén inclúe as pezas Garten von Freuden und Traurigkeiten, t de tana, Collage sonoro e unha sonata para faruta viola e arpa.

A partir das 22:00 horas, haberá visitas guiadas á Sala de exposicións Porta Miñá, organizadas para conmemorar o Día Internacional dos Museos. Ao final das visitas, terán lugar pequenas actuacións musicais de Os sonantes. Cristina Nogueira no violonchelo e Fernán Gómez na guitarra española ofrecerán un repertorio sobre bandas sonoras do cine clásico.

Alternativas para domingo

As alternativas para domingo comezan cunha ruta de xeoloxía, O Corgo: Terras Baixas, Terras Altas. Esta andaina, ao abeiro do plan turístico sostible Terras de Auga e Cultura, ten unha ditancia de 12,5 quilómetros e recorrerá O Corgo, Guimarás, Lagoa de Gomeán, O Val, Ponte de Aldeagunde, Santalla do Alto e Vigo. As persoas interesadas en participar deben inscribirse na Oficina Municipal de Turismo, na Praza do Campo, ou ben a través do teléfono 982-25-16-58 ou en lugoturismo@concellodelugo.org. A saída é ás 10:30 horas dende a parada de autobus urbano da rúa Anxo López Pérez.

A programación do Arde Lvcvs Cvltvral copa o resto de actividades. De 11:00 a 14:00 horas celebrarase o taller Officina monetalis, fai a túa moeda, a cargo de Caetra Lucensium, no Vello Cárcere.

A partir das 18:00 horas terá lugar o desfile de moda romana e castrexa, na Praza Maior. Dende as 16:30 horas haberá talleres de peiteado coa colaboración de perruquerías e tendas de roupa lucenses, e obradorios de elaboración de espadas e escudos, a cargo de Lucus Equites.

Xa a partir das 19:00 horas, no Vello Cárcere proxectarase o documental A Pompeia británica da idade de bronce. Cunha duración de 69 minutos, o filme servirá para dar a coñecer os aspectos máis relevantes da excavación do xacemento Must Farm, un asentamento de cabañas de madeira que se conservou ao longo do tempo en moi bo estado grazas á humidade do ambiente e sen aire dos terreos de marisma de Inglaterra.

Completa a programación as visitas guiadas polo Vello Cárcere, de xoves a domingo, e a mostra de fotografía Irán, París, Lugo e a de escultura, Ledesma, no Vello Cárcere; ademais das permanentes sobre a memoria histórica do centro; así como a de pintura Unha vida para pensar, e a das Cohors III Lucensium, estas dúas últimas no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL).

Noticias relacionadas