Arrinca a campaña informativa do movemento Localmente Lucense impulsada pola alcaldesa para a compra de proximidade

Hoxe comezaron as accións a pé de rúa para dar a coñecer este proxecto co que o Goberno de Lara Méndez, que inviste nel un millón de euros, quere dinamizar a economía dos barrios.

Xoves, 23 de decembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Arrinca a campaña informativa do movemento Localmente Lucense impulsada pola alcaldesa para a compra de proximidade

Esta mañá arrincou a campaña informativa do proxecto de dinamización económica ‘Localmente Lucense’ lanzada pola alcaldesa Lara Méndez, que, cun investimento dun millón de euros, busca fortalecer e incentivar a compra nos comercios e na hostalaría de proximidade.

“Con esta iniciativa queremos encher de vida os nosos barrios a través do movemento #LocalmenteLucense’, que abandeira un sentimento de orgullo e defensa do noso”, sostivo a rexedora.

Para impulsar este proxecto, a cidade foi dividida en cinco agrupacións por barrios, cada unha coa súa identidade propia. Hoxe, a iniciativa comezou a desenvolverse na zona norte (A Milagrosa, Albeiros, Avenida da Coruña, Padre Feijóo e Garabolos), tendo como principal escenario a Praza da Milagrosa pola mañá, desde onde se realizaron accións itinerantes nas que varias persoas percorreron as rúas, comercios e locais de hostalería difundindo a campaña ‘Localmente Lucense’, ao tempo que facilitaban información de interese á veciñanza co obxectivo de transmitir a súa filosofía, darlle visibilidade a acción, potenciar a imaxe, introducir o proxecto en Lugo e conseguir adhesións dos diferentes establecementos. Ademais, levouse a cabo un obradoiro de chapas e fíxose entrega de material.

A seguinte ubicación para a promoción e posicionamento da campaña terá lugar esta tarde na Avenida da Coruña, esquina con Angelo Colocci, onde se repetirán as mesmas actividades.

A iniciativa enmárcase na estratexia global de dinamización, reconstrución e reactivación da economía de Lugo posta en marcha polo Concello para paliar as consecuencias da crise provocada pola Covid-19.

Así, nos vindeiros días #LocaLmenteLucense estará presente, seguindo este calendario, en diferentes puntos da capital.

27 de decembro

  • Pola mañá: Fonte dos Ranchos
  • Das 10.00 ás 14.00 h
  • Pola tarde: Praza do Castiñeiro
  • Das 16.00 ás 20.00 h

28 de decembro

  • Pola mañá: Praza de Augas Férreas
  • Das 10.00 ás 14.00 h
  • Pola tarde: Horta do Seminario
  • Das 16.00 ás 20.00 h

29 de decembro

  • Pola mañá: Fontiñas
  • Das 10.00 ás 14.00 h
  • Pola tarde: Sagrado Corazón
  • Das 16.00 ás 20.00 h

30 de decembro

  • Pola mañá: Campo Castelo
  • Das 10.00 ás 14.00 h
  • Pola tarde: Campo Castelo
  • Das 16.00 ás 20.00 h

Noticias relacionadas