A Área de Xuventude presenta dez novas propostas do +XTi para un verán activo, creativo e saudable para a mocidade lucense

A programación abrangue actividades deportivas, culturais, artísticas e en familia entre xuño e setembro, con inscricións gratuítas en www.lugomasxti.org.

Hai opcións para diferentes tramos de idade, desde os 11 ata os 39 anos, en múltiples espazos da cidade e da contorna natural.

Jorge Bustos destaca que “esta proposta combina formación, diversión e valores nun momento clave para o desenvolvemento da nosa mocidade”.

Xoves, 15 de maio de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Área de Xuventude presenta dez novas propostas do +XTi para un verán activo, creativo e saudable para a mocidade lucense

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Xuventude, activa unha nova edición do programa +XTi cun total de dez actividades gratuítas pensadas para a mocidade lucense, coa colaboración do Plan Nacional sobre Drogas. A programación desenvolverase entre xuño e setembro, con actividades que requiren inscrición previa e outras de acceso libre ata completar aforo.

O edil Jorge Bustos subliñou que “queremos facer do verán unha oportunidade real para que a mocidade explore os seus intereses, descubra novos talentos e se relacione nun contorno seguro e estimulante”. Trátase dunha oferta variada e adaptada a distintos tramos de idade, que combina lecer activo, aprendizaxe e fomento de hábitos saudables.

O primeiro en botar a andar será o curso de DJ, que se celebrará os días 5, 7, 19, 21, 26 e 28 de xuño, en horario de 18:00 a 22:00 horas, na Casa da Música. Está dirixido a mozos e mozas de 16 anos en diante e conta con 20 prazas. As inscricións estarán abertas na web www.lugomasxti.org, na pestana Actividades/Inscricións, entre o 16 e o 31 de maio.

Tamén en xuño desenvolverase o curso de arte floral e arranxos florais, na Casa da Xuventude. Terá lugar de luns a xoves nas semanas do 2 ao 5, do 9 ao 12, do 16 ao 19 e do 23 ao 26 de xuño, en horario de 16:30 a 20:30 horas. Está dirixido a lucenses de entre 20 e 30 anos con titulación mínima de ESO ou equivalente, e conta con 22 prazas. O prazo de inscrición tamén irá do 16 ao 31 de maio en www.lugomasxti.org.

Entre o 6 e o 28 de xuño celebrarase a actividade de ximnasia deportiva, pensada para mozos e mozas de entre 14 e 22 anos. Desenvolverase na Casa da Xuventude os días 6, 7, 20, 21, 27 e 28 de xuño, en horario de 18:00 a 21:30 horas. Trátase dunha actividade aberta cun máximo de 30 prazas por día, sen necesidade de inscrición previa.

Do 23 ao 27 de xuño terá lugar o obradoiro de fotografía creativa con smartphones, dirixido a persoas maiores de 18 anos. As sesións desenvolveranse no Centro Cultural Uxío Novoneyra, de 10:30 a 13:30 horas. O curso dispón de 35 prazas e as inscricións estarán abertas entre o 16 de maio e o 16 de xuño en www.lugomasxti.org.

A actividade de hípica levarase a cabo no centro Rancho Grande, fronte ao HULA, durante o mes de xullo. Haberá catro quendas de luns a xoves: do 7 ao 10, do 14 ao 17, do 21 ao 24 e do 28 ao 31 de xullo, en horario de 9:30 a 13:30 horas. Está destinada a lucenses de entre 11 e 17 anos e conta con 6 prazas por grupo. As inscricións realizaranse na web entre o 16 e o 27 de xuño.

En agosto desenvolverase unha nova edición da actividade de ocio con familias, dirixida a fogares lucenses con entre 2 e 5 membros. Haberá tres sesións, todas en domingo e en horario de 11:00 a 21:00 horas, con comida incluída. Celebraranse o 17 de agosto no parque de Frigsa, o 24 no paseo do Río Rato (fronte ao centro de interpretación) e o 31 no xardín do Pazo de Feiras. A participación é aberta e limitada a 20 familias por día.

Do 18 ao 22 de agosto terá lugar o ciclo de roteiros de sendeirismo, con cinco rutas temáticas e dous grupos por xornada (mañá de 9:00 a 13:00 h e tarde de 17:00 a 21:00 h). A actividade está destinada a lucenses de entre 18 e 39 anos, con 22 prazas por grupo. As rutas serán as seguintes: o 18, tramo do Camiño Primitivo (Porta de Santiago); o 19, ribeiras do Miño (Club Fluvial); o 20, paseos do Rato e do Miño (Balneario); o 21, bosques de Adai e Ombreiro (Igrexa de Adai); e o 22, ruta histórica ata o barrio da Ponte (Porta San Fernando). É unha actividade aberta sen inscrición previa.

Do 25 ao 30 de agosto desenvolverase unha masterclass de hip-hop na praza de Augas Férreas. Está dirixida a mozos e mozas de entre 11 e 17 anos e celebrarase en horario de 20:00 a 21:30 horas. É unha actividade aberta con 60 prazas dispoñibles por orde de chegada.

O 6 de setembro celebrarase a batalla de galos, tamén na praza de Augas Férreas, entre as 19:30 e as 23:30 horas. As persoas interesadas poderán inscribirse ata o 22 de agosto a través da web www.urbantour.es.

Todas estas actividades forman parte do programa +XTi 2025, co que o Concello de Lugo promove un ocio alternativo, formativo e saudable para a mocidade, favorecendo a súa autonomía, a convivencia e a prevención das adiccións. “Non queremos que ninguén quede atrás por falta de recursos ou oportunidades: desde o Concello ofrecemos unha programación diversa, de calidade e ao alcance de toda a mocidade”, destacou Bustos.

O concelleiro engadiu ademais que “a educación en valores e a prevención de condutas adictivas non se dan só nas aulas: tamén se cultivan na rúa, facendo deporte, creando arte ou compartindo tempo en familia”.

Para máis información, as persoas interesadas poden consultar www.lugomasxti.org ou chamar ao 982 297 837.

Audio

Noticias relacionadas