Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A Área de Xuventude presenta dez novas propostas do +XTi para un verán activo, creativo e saudable para a mocidade lucense

A Área de Xuventude presenta dez novas propostas do +XTi para un verán activo, creativo e saudable para a mocidade lucense

A programación abrangue actividades deportivas, culturais, artísticas e en familia entre xuño e setembro, con inscricións gratuítas en www.lugomasxti.org [1].

Hai opcións para diferentes tramos de idade, desde os 11 ata os 39 anos, en múltiples espazos da cidade e da contorna natural.

Jorge Bustos destaca que “esta proposta combina formación, diversión e valores nun momento clave para o desenvolvemento da nosa mocidade”.

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Programación cultural,
    • Xestión cultural,
    • Xuventude,
    • Prevención de drogodependencias,
    • Asesoramento á mocidade,
    • Programas xuvenís
Xoves, 15 de maio de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Área de Xuventude presenta dez novas propostas do +XTi para un verán activo, creativo e saudable para a mocidade lucense

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Xuventude, activa unha nova edición do programa +XTi cun total de dez actividades gratuítas pensadas para a mocidade lucense, coa colaboración do Plan Nacional sobre Drogas. A programación desenvolverase entre xuño e setembro, con actividades que requiren inscrición previa e outras de acceso libre ata completar aforo.

O edil Jorge Bustos subliñou que “queremos facer do verán unha oportunidade real para que a mocidade explore os seus intereses, descubra novos talentos e se relacione nun contorno seguro e estimulante”. Trátase dunha oferta variada e adaptada a distintos tramos de idade, que combina lecer activo, aprendizaxe e fomento de hábitos saudables.

O primeiro en botar a andar será o curso de DJ, que se celebrará os días 5, 7, 19, 21, 26 e 28 de xuño, en horario de 18:00 a 22:00 horas, na Casa da Música. Está dirixido a mozos e mozas de 16 anos en diante e conta con 20 prazas. As inscricións estarán abertas na web www.lugomasxti.org [1], na pestana Actividades/Inscricións, entre o 16 e o 31 de maio.

Tamén en xuño desenvolverase o curso de arte floral e arranxos florais, na Casa da Xuventude. Terá lugar de luns a xoves nas semanas do 2 ao 5, do 9 ao 12, do 16 ao 19 e do 23 ao 26 de xuño, en horario de 16:30 a 20:30 horas. Está dirixido a lucenses de entre 20 e 30 anos con titulación mínima de ESO ou equivalente, e conta con 22 prazas. O prazo de inscrición tamén irá do 16 ao 31 de maio en www.lugomasxti.org [1].

Entre o 6 e o 28 de xuño celebrarase a actividade de ximnasia deportiva, pensada para mozos e mozas de entre 14 e 22 anos. Desenvolverase na Casa da Xuventude os días 6, 7, 20, 21, 27 e 28 de xuño, en horario de 18:00 a 21:30 horas. Trátase dunha actividade aberta cun máximo de 30 prazas por día, sen necesidade de inscrición previa.

Do 23 ao 27 de xuño terá lugar o obradoiro de fotografía creativa con smartphones, dirixido a persoas maiores de 18 anos. As sesións desenvolveranse no Centro Cultural Uxío Novoneyra, de 10:30 a 13:30 horas. O curso dispón de 35 prazas e as inscricións estarán abertas entre o 16 de maio e o 16 de xuño en www.lugomasxti.org [1].

A actividade de hípica levarase a cabo no centro Rancho Grande, fronte ao HULA, durante o mes de xullo. Haberá catro quendas de luns a xoves: do 7 ao 10, do 14 ao 17, do 21 ao 24 e do 28 ao 31 de xullo, en horario de 9:30 a 13:30 horas. Está destinada a lucenses de entre 11 e 17 anos e conta con 6 prazas por grupo. As inscricións realizaranse na web entre o 16 e o 27 de xuño.

En agosto desenvolverase unha nova edición da actividade de ocio con familias, dirixida a fogares lucenses con entre 2 e 5 membros. Haberá tres sesións, todas en domingo e en horario de 11:00 a 21:00 horas, con comida incluída. Celebraranse o 17 de agosto no parque de Frigsa, o 24 no paseo do Río Rato (fronte ao centro de interpretación) e o 31 no xardín do Pazo de Feiras. A participación é aberta e limitada a 20 familias por día.

Do 18 ao 22 de agosto terá lugar o ciclo de roteiros de sendeirismo, con cinco rutas temáticas e dous grupos por xornada (mañá de 9:00 a 13:00 h e tarde de 17:00 a 21:00 h). A actividade está destinada a lucenses de entre 18 e 39 anos, con 22 prazas por grupo. As rutas serán as seguintes: o 18, tramo do Camiño Primitivo (Porta de Santiago); o 19, ribeiras do Miño (Club Fluvial); o 20, paseos do Rato e do Miño (Balneario); o 21, bosques de Adai e Ombreiro (Igrexa de Adai); e o 22, ruta histórica ata o barrio da Ponte (Porta San Fernando). É unha actividade aberta sen inscrición previa.

Do 25 ao 30 de agosto desenvolverase unha masterclass de hip-hop na praza de Augas Férreas. Está dirixida a mozos e mozas de entre 11 e 17 anos e celebrarase en horario de 20:00 a 21:30 horas. É unha actividade aberta con 60 prazas dispoñibles por orde de chegada.

O 6 de setembro celebrarase a batalla de galos, tamén na praza de Augas Férreas, entre as 19:30 e as 23:30 horas. As persoas interesadas poderán inscribirse ata o 22 de agosto a través da web www.urbantour.es [2].

Todas estas actividades forman parte do programa +XTi 2025, co que o Concello de Lugo promove un ocio alternativo, formativo e saudable para a mocidade, favorecendo a súa autonomía, a convivencia e a prevención das adiccións. “Non queremos que ninguén quede atrás por falta de recursos ou oportunidades: desde o Concello ofrecemos unha programación diversa, de calidade e ao alcance de toda a mocidade”, destacou Bustos.

O concelleiro engadiu ademais que “a educación en valores e a prevención de condutas adictivas non se dan só nas aulas: tamén se cultivan na rúa, facendo deporte, creando arte ou compartindo tempo en familia”.

Para máis información, as persoas interesadas poden consultar www.lugomasxti.org [1] ou chamar ao 982 297 837.

Audio

  • O edil Jorge Bustos, sobre as actividades | Descargar mp3 [3]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/area-de-xuventude-presenta-dez-novas-propostas-do-xti-para-un-veran-activo-creativo-e-saudable

Ligazóns:
[1] http://www.lugomasxti.org
[2] http://www.urbantour.es
[3] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/051525_audio_jorgebustos_actividades.mp3