A área de Medio Rural prepara o calendario de roza nas parroquias do municipio cun investimento de 181.500 euros

A Xunta de Goberno autorizou a apertura dunha nova licitación que permitirá simultanear os traballos de acondicionamento dos 750 quilómetros de estradas que ten o concello.

Os labores redundarán na conservación das infraestruturas viarias pero, sobre todo, na seguridade da cidadanía.

Na sesión desta semana adxudicouse, alén, a contratación das obras de abastecemento de auga no núcleo de Ferreiros por 98.428 euros.

Sábado, 29 de abril de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Medio Rural prepara o calendario de roza nas parroquias do municipio cun investimento de 181.500 euros

A área de Medio Rural, que dirixe o tenente de alcaldesa Miguel Fernández, perfila xa o calendario de roza que se levará a cabo este ano nas parroquias do concello.

Unha actuación na que o Executivo de Lara Méndez investirá 181.500 euros e coa que se pretende mellorar o estado de conservación das estradas pero, sobre todo, velar pola seguridade viaria da cidadanía.

Así, a Xunta de Goberno, autorizou esta semana a apertura dunha nova licitación para acometer os traballos. “Un expediente que foi dividido en 2 lotes co obxectivo de permitir a simultaneidade das tarefas nas zonas norte/leste e sur/oeste do termo municipal”, explicou o edil.

As adxudicatarias disporán dun prazo de tres meses para executar os labores de limpeza da maleza, tanto mecánica como manual, nos que se inclúen as dúas marxes da calzada, cunetas e gabias, pero tamén os paseos, campos da festa, explanadas ou prazas que sexan de titularidade pública.

“Intervencións que, no seu conxunto, afectan a un total de 750 quilómetros de vías e que se completan coa roza dos camiños e das pistas forestais que, durante todo o ano se acometen coa maquinaria do Parque Móbil para tratar de previr incendios”, indicou Miguel Fernández.

Outros asuntos da Orde do Día

Este foi un dos expedientes que se abordaron na sesión deste mércores, na que o equipo de Goberno, aprobou, alén, outorgar á empresa Construcciones Leonardo Miguélez as obras para dotar dunha rede de abastecemento de auga ao núcleo de Ferreiros. Tarefas que terán un prazo de execución de tres meses e nas que o Executivo de Lara Méndez investirá 98.428 euros.

Noticias relacionadas