A Xunta de Goberno Local aprobaba hoxe as bases da convocatoria á que se poderá concorrer durante 15 días trala súa publicación no BOP
O edil Miguel Fernández convidou aos clubs e colectivos sen ánimo de lucro que traballan no fomento da actividade física a solicitalas
Ademais, na sesión desta semana concedéronse catro licenzas urbanísticas, entre elas a correspondente á ampliación do IES Sanxillao por importe de 1’3 millóns de euros

A concellería de Deportes destinará este ano 306.850’12 euros ao fomento da actividade física a través da concesión de subvencións ás entidades sen ánimo de lucro que traballan neste eido no municipio de Lugo.
A Xunta de Goberno Local aprobaba, durante a sesión celebrada esta mañá, as bases reguladoras da convocatoria á que se poderá concorrer durante os 15 días seguintes á súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.
O edil Miguel Fernández, indicou que “estas achegas teñen, dentro do seu cometido, a promoción e impulso da práctica deportiva na cidade ao tempo que se constitúen como unha fonte de recursos primordial para moitos dos clubs e asociacións que operan neste ámbito, posibilitando, así, a continuidade do seu labor. Un labor fundamental – engadiu o concelleiro - que resulta imprescindible para darlle proxección ao talento local e que nestes momentos precisa atopar a man tendida das administracións para facer fronte, como tantos outros sectores, ás consecuencias da pandemia”.
Fernández convidou ao tecido deportivo da cidade a participar no proceso e solicitar estas axudas nas que se terán en conta criterios como o número de deportistas federad@s cos que conten, o nivel territorial que teñan os eventos que organizan e a súa consolidación temporal, o número de asistentes que acoden aos mesmos ou a utilización que fan das instalacións municipais, etc.
O responsable de Deportes sinalou que estas achegas se enmarcan no Plan Estratéxico de Subvencións, aprobado en abril polo Concello como ferramenta indispensable para promover e potenciar a participación da sociedade civil na xestión municipal. “ Un Plan ao que o executivo de Lara Méndez destinou máis de 7 millóns de euros, preto do 8% do orzamento total existente para o exercicio en curso, o que dá conta da transcendencia que ten para a institución a actividade que desenvolven estes colectivos e o compromiso de cooperación que mantemos con eles”.
Por outra banda, na sesión desta semana o equipo de goberno concedeu catro licenzas urbanísticas, entre elas a ampliación do IES Sanxillao, por importe de 1’3 millóns de euros, que se outorga xusto unha semana despois de que a Concellería de Educación procedese á autoliquidación das taxas correspondentes á intervención prevista.
Do mesmo xeito, autorizouse a instalación de dous ascensores en sendos inmobles das rúas Cornubia (47.831 €) e Serra Gañidoira (45.000 €) e aprobouse a legalización dunha edificación destinada á celebración de cerimonias en San Andrés de Castro.
En materia de contratación, validáronse tanto a prorroga dun ano ao centro especial de emprego Combina Social, concesionaria do servizo de atención e dinamización nos centros de convivencia por importe de 19.549’08 euros, como a adquisición de 48 traxes de intervención, con arnés integrado, para os Bombeiros de Lugo que subministrará El Corte Inglés por valor de 86.400’97 euros.
Audio
- O concelleiro de Deportes, Miguel Fernández, sobre as subvencións en deportes | Descargar mp3