Alvarellos convida á veciñanza a participar esta fin de semana na tradicional Feira de Produtos do Campo e Artesanía da Milagrosa

O evento, organizado pola Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, terá lugar os días 24, 25 e 26 de maio e reunirá a uns 30 expositores.

Alvarellos: “Ademais de ser unha cita que porá en valor os nosos produtos autóctonos e as creacións artesás, trátase dunha das feiras urbanas máis importantes de Galicia”.

Entre as novidades desta vixésimo cuarta edición destaca unha degustación de becerreo ao espeto, así como un maior número de espectáculos musicais e verbenas.

Luns, 20 de maio de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O salón de plenos do Concello de Lugo acolleu este luns a presentación da vixésimo cuarta edición da Feira de Produtos do Campo e Artesanía, que se celebrará na praza da Milagrosa os vindeiros días 24, 25 e 26 de maio e que reunirá a uns 30 expositores de toda Galicia e tamén de Asturias e León. Unha cita, da que a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, destacou “a súa aposta polo autóctono e por dar visibilidade aos produtos do noso sector primario”.

O evento, organizado pola Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, contará este ano con varias novidades, grazas á colaboración do Concello de Lugo, que leva apoiando desde os seus comezos a celebración desta cita. Neste sentido, Paula Alvarellos asegurou que “un ano máis demostrará o seu poder de convocatoria porque, ademais de ser unha festa que porá en valor os nosos produtos autóctonos e as creacións artesás, se trata dunha das feiras urbanas máis importantes de Galicia”.

A alcaldesa de Lugo fixo fincapé no importante poder de convocatoria deste barrio, polo que se mostrou convencida de que “durante estes tres días a praza da Milagrosa converterase nun auténtico escaparate dos produtos de máis calidade e sona do noso sector primario, servindo ao mesmo tempo de dinamizador para o resto do barrio e da cidade”. Alvarellos aproveitou a presencia de preto de trinta integrantes deste colectivo que asistiron á presentación para “agradecer a vosa implicación e traballo na organización dunha cita xa consolidada no calendario festivo de gran parte da veciñanza lucense”.

Pola súa banda, o presidente da citada asociación, Jesús Vázquez, sinalou que “entre as novidades do programa desta edición destacan máis actuacións musicais e verbenas, ademais dunha degustación gratuíta de becerro ao espeto, na que está previsto repartir máis de 2.500 racións e que é posible grazas á doazón particular de César Dorado, presidente da Asociación de Criadores de Raza Rubia Gallega”.

Xunto a un gran número de veciños e veciñas do colectivo organizador, ao acto de presentación asistiron o presidente e o secretario da asociación, Jesús Vázquez e Luis Abel, respectivamente; o presidente de Acruga, César Dorado; e o Deputado da Área de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, en representación da Deputación de Lugo, institución que tamén colabora dun xeito moi activo coa celebración desta feira.

Audio

  • Paula Alvarellos, sobre a tradicional Feira de Produtos do Campo e Artesanía da Milagrosa | Descargar mp3
 

Multimedia

  • Alvarellos convida á veciñanza a participar esta fin de semana na tradicional Feira de Produtos do Campo e Artesanía da Milagrosa

Noticias relacionadas