Alcaldía ultima a programación de alto nivel que converterá Lugo no epicentro europeo do reto demográfico

O evento contará cunha primeira parte que tratará a lonxevidade e os retos demográficos na Axenda Europea, mentres que a segundo afondará na economía prateada e a problemática asistencial.

O Vello Cárcere será o escenario da reunión á que asistirá, alén do ministro de Asuntos Exteriores, a vicepresidenta da Comisión Europea para Democracia e Demografía e varios secretarios de Estado.

A xornada ten por obxectivo impulsar unha estratexia común para abordar os retos do futuro desde unha perspectiva local na que o colectivos lucenses aportarán a súa visión.

Sábado, 02 de setembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Alcaldía ultima a programación de alto nivel que converterá Lugo no epicentro europeo do reto demográfico

Lugo converterase o próximo 8 de setembro no epicentro da Unión Europeo en materia de envellecemento e retos demográficos. O executivo de Lara Méndez está a definir, en colaboración co equipo designado polo Ministerio, os últimos aspectos que moldean esta reunión de alto nivel. A propia alcaldesa avanzou esta mañá que o evento finalmente contará con dúas partes diferenciadas: a primeira abordará a lonxevidade e os retos demográficos na Axenda Europea, mentres que a segunda afondará na economía prateada e a problemática asistencial.

Deste xeito, tras os discursos inaugurais do Ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares; da Comisaria de Democracia y Demografía da UE, Dubravka Šuica, do presidente da Deputación, José Tomé, e da rexedora de Lugo, Lara Méndez, comezará a parte técnica do encontro na que figuras punteiras na materia avaliaran a situación actual e expoñerán modelos de futuro.

No primeiro panel, xa está confirmada  a participación do Conselleiro do Consello Económico Social Europeo, Miguel Ángel Cabra Luna, así como a de Francisco Machancoses, subdirector xeral do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación. Ambos compartirán mesa con representantes do tecido asociativo. A duración aproximada do panel será dunha hora. Xa na segunda e última sesión do día, na que a economía prateada e problemática asistencial serán os temas centrais, ratificase a asistencia do director do Imserso, Luis Alberto Barriga, e  de Juan Martin, coordinador del CENIE da Universidad de Salamanca. Nesta mesa participarán tamén responsables empresarias do sector asistencial. A clausura do acto correrá a cargo do secretario de Estado para a Unión Europea, Pascual Navarro,  e do de Dereitos Sociais, Ignacio Álvarez.

Este encontro de alto nivel europeo que acolle Lugo enmárcase no programa deseñado polo Goberno central con motivo da  presidencia española da UE que rematará o próximo 31 de decembro. “Lugo será xunto a Vigo (Pesca) e Santiago (Economía e Finanzas) unha das tres capitais galegas na que se darán cita os representantes dos principais países europeos, contribuíndo así á proxección da nosa cidade como referente en materia asistencial”, afirmou a alcaldesa ao tempo que avanzou que ao acto acudirán tamén varios secretarios de Estado. “O obxectivo é que esta xornada de traballo, xunto a outra que terá lugar en Madrid, poida servir para impulsar un proxecto cunha estratexia renovada para os maiores, de aí que, alén dos altos cargos europeos, tamén se agarde a participación de recoñecidos expertos e dos colectivos lucenses”, concluíu Lara Méndez.

Multimedia

  • Alcaldía ultima a programación de alto nivel que converterá Lugo no epicentro europeo do reto demográfico
  • Alcaldía ultima a programación de alto nivel que converterá Lugo no epicentro europeo do reto demográfico

Noticias relacionadas