A Alcaldesa visita o barrio da Milagrosa e da Piringalla para coñecer de primeira man as necesidades dos veciños e veciñas

“No Concello apostamos polos barrios e polos seus residentes, que son os que verdadeiramente contribúen a facer cidade”, asegurou Lara Méndez 

Venres, 13 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do presidente da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, Jesús Vázquez, realizou este venres unha visita ao barrio da Milagrosa para coñecer de primeira man as principais necesidades dos veciños e veciñas deste barrio, un dos máis numerosos do municipio. Ao encontro tamén asistiu o voceiro municipal, Miguel Fernández, así como varios veciños da zona. 

“No Concello apostamos polos barrios e polos seus residentes, que son os que verdadeiramente contribúen a facer cidade”, asegurou a Alcaldesa, quen definiu á Milagrosa como “un barrio que sempre se caracterizou pola súa actividade e polo seu dinamismo”.

Lara Méndez atendeu as peticións dos veciños e veciñas que buscan humanizar a Praza Agro do Rolo, “unha praza emblemática dun barrio emblemático”, tal e como a definiu a rexedora. Trátase de dotar a este espazo aberto de zonas de parque infantil, de zonas de parque biosaudable e de instalar máis mobiliario urbano, o que contribuirá a un maior dinamismo da zona. “Comezaremos polo compromiso da colocación dunha estatua identificativa do Lugo Agrario, un aspecto tan presente nesta zona luguesa”, adiantou Méndez. 

Pola súa banda, Vázquez agradeceu a implicación e a preocupación de Lara Méndez por este barrio lugués. 

Encontro veciñal na Piringalla

A rexedora tamén visitou o barrio da Piringalla acompañada polo presidente da Asociación de Veciños Cultural Deportiva San Isidro, Ricardo Varela, e por un grupo de veciños e veciñas, os que lle transladaron á Alcaldesa as súas principais demandas, entre as que se atopan a creación dun canil e a instalación de aparatos biosaudables.  

Tras manter ambos encontros, a Alcaldesa puxo en valor a iniciativa dos movementos veciñais da cidade, que recollen as inquedanzas dos veciños. “Escoitar ao tecido asociativo do Concello é esencial para promover iniciativas de futuro para o noso municipio”, asegurou Méndez. 

Multimedia

Noticias relacionadas