A Alcaldesa traslada á asociación de usuarios a vontade do Goberno de seguir potenciando a Escola Municipal de Música

O Concello estudará a posibilidade de situar o centro no novo auditorio unha vez que se remate o edificio coa dotación do equipamento e traballará na regularización da situación do profesorado

Crearase un Consello Escolar para facer a Escola máis participativa e reforzarase o Banco de Instrumentos para que ningún rapaz deixe de tocar un instrumento por non ter recursos

Xoves, 15 de xuño de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa traslada á asociación de usuarios a vontade do Goberno de seguir potenciando a Escola Municipal de Música

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo este xoves un encontro con representantes da Asociación de Usuarios da Escola Municipal de Música, aos que trasladou a vontade do Goberno de seguir potenciando o centro a través de varias liñas fundamentais de actuación. “Cremos neste proxecto, que medra ano tras ano e comprobamos que o importante investimento do Concello ten cada vez un maior retorno social”, subliñou a rexedora. De feito, trátase dun servizo altamente demandado, con 700 alumnos e 1.000 matriculados nos diferentes cursos ofertados.

Por unha banda, e en cumprimento dun acordo do Pleno, explicou Lara Méndez, o Goberno estudará a posibilidade de situar a Escola no novo auditorio, algo para o que é imprescindible que a Xunta de Galicia remate o edificio coa dotación do equipamento.

Así mesmo, o Goberno traballará na regularización da situación do profesorado para garantir o futuro da Escola de Música. Neste senso, un recente auto do Tribunal Supremo abriu a porta a admitir un recurso do Concello ao respecto.

O Concello seguirá potenciando o centro con iniciativas como a creación dun Consello Escolar, que fará a Escola máis participativa, pois neste órgano terán presenza toda a comunidade educativa, alumnado, profesorado e Concello. Así mesmo, trabállase na elaboración dun Proxecto Educativo de Centro, esto é, o programa de estudos e organización interna, tanto educativa como pedagóxica, e, como medida prioritaria, continuarase apostando polo Banco de Instrumentos. “Fixemos un esforzo moi importante e continuaremos este ano e os seguintes coa compra de instrumentos para que ningún rapaz deixe de tocar o instrumento que lle gusta porque non teña recursos para facelo”, asegurou a Alcaldesa. Ademais, creouse a Banda Infantil Municipal e incorporáronse novas clases de piano na oferta formativa.

Noticias relacionadas