A Alcaldesa toma a iniciativa para desbloquear a Estación Intermodal ante a parálise de Goberno central e Xunta

Solicita a Fomento que convoque canto antes a Comisión de Seguimento do protocolo asinado en 2010 polo Ministerio, Xunta, Concello e Adif para a implantación desta “infraestrutura estratéxica, pola que pasa o futuro de Lugo”

“O PP freou en seco o proxecto ao entrar no Goberno. Con nocturnidade e aleivosía, rescindiu o contrato en 2012, aínda que estivo mentindo durante anos aos lucenses ao asegurar que seguía adiante”

“Pedimos a comisión como instrumento para reactivar esta obra porque sabemos que as infraestruturas fan país e porque os 98.134 veciños e veciñas da cidade non poden quedar nin illados nin descolgados do ferrocarril”

Mércores, 29 de marzo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa toma a iniciativa para desbloquear a Estación Intermodal ante a parálise de Goberno central e Xunta

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, toma de novo a iniciativa para desbloquear un proxecto estratéxico para o futuro da cidade como é a creación da Estación Intermodal. Ante a “parálise e o castigo aos lucenses” das administracións competentes, Goberno central e Xunta, a rexedora anunciou que solicitará hoxe mesmo ao Ministerio de Fomento que convoque no menor tempo posible a Comisión de Seguimento do protocolo asinado no ano 2010 polo propio Ministerio, a Xunta de Galicia, o Concello e ADIF para a implantación dunha Estación Intermodal en Lugo.

Dito protocolo, firmado o 4 de agosto de 2010 e con plena vixencia a día de hoxe, establece na cláusula 7ª a creación e funcionamento da comisión, formada polas entidades implicadas e destinada a velar polo cumprimento das obrigas contraídas.

Na súa comparecencia, na que estiveron presentes o voceiro municipal, Miguel Fernández, e os deputados autonómicos e ex concelleiros Luis Álvarez e Concepción Burgo, Lara Méndez subliñou que a Intermodal “é unha reivindicación pola que levamos loitando dende hai moitos anos dende o Goberno de Lugo; unha demanda, xa histórica, que conta ademais cun claro e forte respaldo social cristalizado en movementos como o da plataforma Lugo... Non Perdas o Tren”.

“Cremos que o futuro de Lugo pasa pola Intermodal. Unha infraestrutura estratéxica coa que a nosa cidade se incorporaría á Alta Velocidade, o que garantirá a vertebración do territorio, a mobilidade dos cidadáns e o desenvolvemento socioeconómico dos lucenses”, asegurou a Alcaldesa, engadindo que o proxecto suporía ademais “o revulsivo que necesita unha  zona emblemática como é o barrio da Estación, porta de entrada da cidade”.

Cuestión de vontade política

A evolución da Estación Intermodal estivo marcada “pola vontade política”, explicou Méndez, pois “se ben no ano 2010 se asinou o devandito protocolo e mesmo se chegou a licitar e adxudicar o proxecto, o Partido Popular freou en seco a infraestrutura cando entrou no Goberno”. “Con nocturnidade e aleivosía, Fomento rescindiu o contrato en 2012. Iso si, a preguntas dun senador socialista en 2013 e 2014 dicían que se avanzaba con normalidade. É dicir, estiveron mentindo durante anos aos lucenses”, afirmou a rexedora.

Deste xeito, “grazas aos Gobernos do Partido Popular, hoxe somos a capital de provincia peor comunicada de Galicia, cunha estación de tren do século XIX”, recalcou a Alcaldesa.

O Goberno solicita a Comisión de Seguimento como “instrumento para reactivar o proxecto da Intermodal e para que sexa prioritario para todas as administracións porque sabemos que as infraestruturas fan país, porque Lugo, se ben foi referente neste eido nalgún tempo, hoxe deixamos de selo” e tamén porque o Presidentes do Goberno e da Xunta marxinan a Lugo”, indicou Lara Méndez, lembrando que a Intermodal foi unha das cuestións que abordou con Núñez Feijóo nas reunións que mantiveron no 2015 e este mesmo ano. “A pesar de prometer investimento, Lugo foi a única grande cidade galega á que Feijóo non destinou nin un só euro para a Intermodal nos Orzamentos de 2016”, argumentou, situación que “non mellorou este ano, pois con desconcerto vimos como a Consellería de Infraestruturas anunciaba a licitación dos estudos previos da Intermodal, cando en realidade o que sacou a licitación no DOG foi a elaboración de estudos previos da terminal de autobuses integrada na Intermodal de Lugo, por 75.000 euros. Ou o que é o mesmo, gastar 75.000 euros en pensar se os autobuses se poden integrar nunha futura intermodal, algo inquietante, xa que, de non poder integrarse non sería intermodal”.

“Lugo, e non o Concello, senón os 98.134 veciños e veciñas da cidade non poden quedar nin illados nin descolgados do ferrocarril, que no caso do noso municipio é un dos elementos máis vertebradores para o territorio. Necesitamos estar interconectados co resto de territorios” a través dunha infraestrutura que nos fará máis competitivos e con máis capacidade de crecemento e desenvolvemento”, subliñou a Alcaldesa.

Nunca foi convocada

Aínda que o protocolo da Intermodal asinado no 2010 entre Fomento, Xunta, Concello e ADIF fixa reunións da Comisión de Seguimento cunha periodicidade mínima de 6 meses, nunca se constituíu, nin foi convocado. O Goberno local, explicou Méndez, entende que quen debera facer as convocatorias é o propio Ministerio, “pero dado que non o fixo, e que tampouco se contempla un procedemento determinado a seguir para solicitar a súa convocatoria no caso de incumprimento dos prazos, calquera dos membros podemos pedilo. Así nolo fixo saber o servizo municipal de Contratación, Patrimonio e Fomento”.

A Comisión está integrada polo Director Xeral de Infraestruturas Ferroviairas do Ministerio de Fomento; o Subdirector Xeral de Planificación e Proxectos do Ministerio; o Director Xeral de Mobilidade da Consellería de Medio Ambiente; a Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio; a Alcaldesa de Lugo e o Director de Patrimonio e Urbanismo de ADIF.

Audios

Noticias relacionadas