A Alcaldesa reúnese cos traballadores da empresa da ORA

Lara Méndez transmitiulles a vontade do Concello de buscar as fórmulas que fagan posible a subrogación no novo contrato

Luns, 27 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa durante a súa xuntanza cos traballadores da ORA

A Alcaldesa, Lara Méndez, mantivo este luns un encontro cos traballadores da empresa que presta o servizo de xestión de aparcamentos na vía pública, a ORA, e con representantes sindicais. Na reunión, que tivo lugar no Salón de Comisións da casa consistorial, a rexedora transmitiulles a vontade do Concello de buscar as fórmulas que fagan posible a subrogación da plantilla no novo contrato.

A supresión temporal da ORA foi notificada oficialmente o pasado xoves á empresa, e o acordo levarase á Xunta de Goberno este vindeiro mércores, momento no que a medida comezará a aplicarse. O servizo quedará suspendido uns 8 meses, o tempo necesario para, segundo as estimacións do Goberno municipal, aprobar unha nova ordenanza reguladora dos aparcamentos que se adapte á realidade actual e resolver a nova adxudicación do contrato.

Lara Méndez avanzou que, unha vez pasado o verán, manterá reunións cos distintos colectivos veciñais, comerciais e hostaleiros para coñecer as súas propostas e chegar ao máximo consenso neste proceso.

Subliñou tamén que se trata dunha suspensión transitoria da ORA. “Non haberá supresión definitiva. Entendemos que a regulación dos aparcamentos en superficie é unha medida de aplicación xeneralizada en España e Europa, necesaria para facer máis humanas as cidades, para favorecer a mobilidade e para regular o tráfico”, explicou.

Noticias relacionadas