A Alcaldesa reúnese coa Fundación Secretariado Gitano

Lara Méndez comprométese a manter a estreita colaboración municipal coa entidade, á que o Concello outorga este ano 38.000 euros para un programa de loita contra a discriminación

Venres, 04 de setembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa reúnese coa Fundación Secretariado Gitano

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, dentro da súa rolda de encontros con colectivos sociais e empresariais da cidade, mantivo este venres un encontro con representantes da Fundación Secretariado Gitano (FSG), unha entidade sen ánimo de lucro que dende os anos 60 presta servizos para a promoción integral da comunidade xitana dende a atención á diversidade cultural. Na reunión, a rexedora expresou a vontade do Goberno de manter “a estreita colaboración municipal coa gran labor” da fundación, á que o Concello outorga neste 2015 unha axuda económica de 38.000 euros, destinados a desenvolver o programa operativo de loita contra a discriminación.

Lara Méndez lembrou que o Concello, en colaboración coa Xunta, puxo en marcha o Plan de Erradicación do Chabolismo, a través do que se reubicaron en 14 vivendas dispersas en distintos puntos da cidade a outras tantas familias de etnia xitana, que ata o momento non conviviran noutro tipo de inmobles que non foran as vivendas do Carqueixo. Para este programa o Concello aportou 602.000 euros.
 
Así mesmo, o Concello de Lugo, dentro do seu compromiso coa integración social, ofrece apoio escolar aos nenos de etnia xitana durante o curso en Lamas de Prado, A Milagrosa e no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra. Durante a época estival o Concello organiza actividades lúdico culturais, nas que tamén participan estes cativos.

Noticias relacionadas