
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu este luns no Salón de Plenos a unha vintena de estudantes procedentes de Leipzig, que pasaron 7 días na cidade grazas a un programa de intercambio co IES lucense Nosa Señora dos Ollos Grandes.
As rapazas e rapaces, de entre 15 e 16 anos, chegaron a Lugo o pasado día 13 de xuño, e permanecerán na cidade ata o 20 de xuño. Durante a súa estancia, está previsto que coñezan os tres Patrimonios que alberga a cidade, así como gozar das paisaxes naturais de gran beleza, como os paseos dos ríos Miño e Rato.
A rexedora deu a benvida ao grupo alemán, explicoulles os principais atractivos da cidade e animounos a ser embaixadores de Lugo na súa cidade de orixe, ademais de subliñar os beneficios tanto no eido persoal como profesional que teñen este tipo de intercambios para os mozos e mozas. No encontro, no que tamén participou o profesorado dos dous centros educativos houbo un intercambio de agasallos.