Paula Alvarellos mantivo un encontro con Bieito Romero, con quen falou da actuación que acollerá o Gustavo Freire e dos case 40 anos de traxectoria do emblemático grupo.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos mantivo esta mañá unha reunión con algúns dos membros do emblemático grupo Luar na Lubre, previa ao concerto que a banda galega ofrecerá este venres no auditorio municipal Gustavo Freire, a partir das 21.00 horas. A rexedora municipal eloxiou “a dilatada traxectoria e os moitos éxitos deste grupo que é un claro referente non só da nosa música senón tamén da cultura galega”.
Este será o día escollido para presentar o seu novo traballo, ‘Luar Na Lubre XX. Encrucillada’, un libro-disco recompilatorio que segundo explicou o líder do grupo, Bieito Romero, recolle algúns dos temas máis emblemáticos do seu amplo repertorio, cunha cronoloxía fotográfica e literaria da súa dilatada historia, ademais dos testemuños de 50 artistas relevantes que colaboraron con esta formación.


