A Alcaldesa presenta o libro Memorias do San Froilán, coordinado por Isidro Novo e Antonio Reigosa

Esta publicación, que contou coas achegas de 15 autores, é o número 13 da colección San Froilán dos Devanceiros, posta en marcha polo Concello de Lugo no ano 2004 para reforzar a memoria histórica lucense

Xoves, 06 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa presenta o libro Memorias do San Froilán, coordinado por Isidro Novo e Antonio Reigosa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou este xoves no Salón de Plenos o libro Memorias do San Froilán, coordinado por Isidro Novo e Antonio Reigosa. Trátase da publicación número 13 da colección San Froilán dos Devanceiros, posta en marcha polo Concello de Lugo no ano 2004 para reforzar a memoria histórica lucense tratando cuestións moi diversas relacionadas coas festas do San Froilán. No acto, que contou con numeroso público, tamén estiveron presentes os 15 autores desta publicación e o responsable da colección, Darío Xohán Cabana.

Na presentación do libro, a rexedora agradeceulle a Isidro Novo e Antonio Reigosa esta nova contribución e convidou a todos e todas á súa lectura, porque dixo que “o libro é para lelo, e a iso vos invito”, dándolle as grazas a todos e cada un dos 15 autores, “Xosefa Anllo, Tarexia Campo, Marcelo Castro, Celina Cruz, Luz Darriba, Mónica Diaz, Jesús María Juaristi, Concepción López, Jesús Meilán, Antonio Molejón, Antonio Sampayo, Xosefa Yáñez, Pilar Yáñez, Isidro Novo e Antonio Reigosa, por esta nova contribución á historia e cultura da nosa cidade”.

Memorias do San Froilán é un libro de historia oral no que os documentos escritos aparecen case exclusivamente como auxiliares da memoria das autoras e autores. Xuntáronse neste caso persoas de moi diferentes idades, procedencias, intereses e condicións, na tarefa común, guiada por Antonio Reigosa e Isidro Novo, de ofrecer un libro vivo e sentido de memorias destas festas declaradas de Interese Turístico Galego e Nacional. Un libro ameno, e mesmo conmovedor, con diversas visións e con distintos enfoques, que fai sentir o latexo da vida e o pulso das festas nun período de algo máis de medio século no que tantas historias aconteceron.

Multimedia

  • A Alcaldesa presenta o libro Memorias do San Froilán, coordinado por Isidro Novo e Antonio Reigosa

Noticias relacionadas