A Alcaldesa presenta ao empresariado da Louzaneta o plan parcial de ordenación que permitirá o desenvolvemento desta zona industrial

Lara Méndez cumpre coa palabra dada aos empresarios e empresarias impulsando a través de EVISLUSA este instrumento urbanístico que regulariza o complexo dándolle carácter industrial

Venres, 23 de marzo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa presenta ao empresariado da Louzaneta o plan parcial de ordenación que permitirá o desenvolvemento desta zona industrial

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, xunto a técnicos municipais, presentaron este venres ao empresariado asentado na Louzaneta nun encontro celebrado no Edificio de Novas Tecnoloxías a proposta elaborada pola empresa municipal EVISLUSA para un plan parcial de ordenación urbanística, que permitirá regularizar o complexo como zona industrial, así como o seu desenvolvemento.  

Lara Méndez cumpre deste xeito coa palabra dada aos empresarios e empresarias da Louzaneta, cos que se comprometeu a finais de 2015 a elaborar este plan parcial que remate cunha situación que se prolonga dende hai anos, pois trátase dun instrumento urbanístico que contempla a ordenación precisa para darlle carácter industrial á zona, na que están asentadas unha trintena de empresas, agrupadas nunha asociación presidida por Luis Abelleira. Esta actuación contribuirá tamén á dinamización socioeconómica desta parte do  municipio, en tanto que se sitúa xunto a unha zona residencial.

Deste xeito, no plan delimítase a zona industrial e quedan definidas as rúas, beirarrúas, rotondas, localización das naves existentes, parcelas edificables, zonas verdes, de equipamento ou espazos libres do complexo.

O obxectivo da reunión de hoxe foi que o empresariado coñecese a proposta de EVISLUSA e fixese achegas, que se estudarán para ver se é posible incorporar, para continuar logo coa preceptiva tramitación do plan, un procedemento que inclúe a elaboración de estudos de ruídos e de mobilidade. Todo o expediente deberá ser despois aprobado polo Concello, a Xunta e Fomento (pola proximidade da N-VI) para poder acometer o proxecto de urbanización, que asumirán xa os propios empresarios.

Informe de xestión de EVISLUSA no 2017

A situación da encomenda de xestión a EVISLUSA para a redacción do plan parcial da Louzaneta é un dos asuntos recollidos no informe de xestión do 2017 da empresa municipal que se abordou nun Consello de Administración celebrado esta mañá. Este mesmo informe tamén recolle a situación da encomenda de xestión para eliminar o tapón urbanístico da Avenida da Coruña, especificándose que están rematados os proxectos de expropiación e de urbanización. Ademais da xestión de axudas da Área de Rehabilitación Integral do casco histórico e das axudas ao alugueiro de vivendas, EVISLUSA traballa tamén, entre outra moitas cuestións, na preparación da candidatura do barrio da Milagrosa á ARRU e na redacción dos proxectos para a rehabilitación de maneira subsidiaria dos edificios Ronda da Muralla 48 e Tinería 4. Así mesmo, colabora no desenvolvemento dos programas do Concello financiados con fondos europeos: Lugo+Biodinámico, Muramiñae, da Muralla ao Miño e Smart City.   

Na reunión do Consello de Administración de EVISLUSA celebrado hoxe aprobouse, por outra banda, unha nova encomenda de xestión, neste caso para a elaboración do proxecto de execución subsidiaria do inmoble 4 de Rinconada do Miño.

Multimedia

  • A Alcaldesa presenta ao empresariado da Louzaneta o plan parcial de ordenación que permitirá o desenvolvemento desta zona industrial

Noticias relacionadas