O Executivo de Paula Alvarellos reforza os lazos co voleibol para seguir impulsando un deporte que ten en Lugo un referente nacional grazas ao Arenal Emevé.
“Lugo é deporte e o voleibol é un exemplo do talento e do traballo que define á nosa cidade”, destacou a rexedora, que subliñou a importancia de fortalecer a colaboración entre institucións para seguir facendo crecer esta disciplina.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e o concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, recibiron na Casa do Concello ao novo presidente da Real Federación Española de Voleibol, Felipe Pascual, acompañado polo vicepresidente da entidade e presidente da Federación Galega, José Ángel Luna. Durante o encontro, analizaron posibles vías de colaboración entre o Concello e a Federación para impulsar a práctica deportiva e afianzar a promoción de Lugo como cidade de referencia no voleibol.
Alvarellos desexoulle moito éxito a Pascual nesta nova etapa á fronte da federación e reafirmou o compromiso da cidade co voleibol: “O traballo conxunto entre administracións e federacións é clave para seguir promovendo o deporte de base e garantir que Lugo siga sendo unha cidade referente.”
A rexedora tamén destacou o papel do Arenal Emevé, único club de España con equipos masculino e feminino na máxima categoría, e puxo en valor a súa traxectoria: “O Emevé é un exemplo de constancia e paixón polo deporte. O seu esforzo e a súa aposta pola canteira fannos sentir orgullosos como cidade.”
Así mesmo, Alvarellos lembrou que Lugo conta cunha instalación de primeiro nivel para este deporte: “O Pavillón Municipal é unha referencia no voleibol español. Foi sede de finais de competicións como a Copa da Raíña e de distintos campionatos de España de categorías inferiores, demostrando a capacidade da nosa cidade para acoller grandes eventos deportivos.”
Finalmente, Alvarellos subliñou a importancia de seguir apostando polo deporte como motor social e económico: “Cada iniciativa que impulsemos en favor do deporte en Lugo tradúcese en máis oportunidades, máis dinamismo e máis futuro para a nosa cidade.”


