A Alcaldesa atende as peticións dos traballadores do Ceao e dos veciños das Gándaras para mellorar as liñas do bus urbano

Modernizar a información nas paradas, adaptar os horarios das liñas que transcorren polo Ceao ao horario laboral e pór en marcha un bus lanzadeira entre o centro da cidade e o polígono, principais suxestións da xuntanza no Ceao

Nas Gándaras, os asistentes fixeron fincapé en establecer conexións directas entre o barrio e O Ceao, en adaptar as liñas á entrada dos institutos, e en establecer máis paradas e máis frecuencia na liña que vai ao Hula, entre outros

Lara Méndez achegarase este xoves a Esperante para escoitar as propostas dos veciños desta parroquia. Xuntao aos encontros, pódense realizar suxesións en moveteporlugo@concellodelugo.org, www.lugo.gal ou no 010

Mércores, 25 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa atende as peticións dos traballadores do Ceao e dos veciños das Gándaras para mellorar as liñas do bus urbano

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo este martes dúas novas xuntanzas abertas coa veciñanza dentro da campaña Móvete por Lugo, posta en marcha polo Concello para deseñar o novo mapa de liñas de bus urbano recollendo ás necesidades actuais dos lucenses e da cidade. Deste xeito, a rexedora desprazouse ata o local da Asociación de Empresarios do Ceao e logo ata o Local Social das Gándaras, co fin de atender as peticións dos traballadores deste polígono e dos veciños deste barrio.

A rexedora, acompañada polo voceiro municipal, Miguel Fernández, e polo Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, explicoulles aos asistentes que o Concello traballa na mellora das liñas, das frecuencias, das paradas e na información, co fin de facilitar o uso do transporte público de viaxeiros e conseguir así un novo modelo de cidade, onde o protagonista será o peón. Neste senso, Lara Méndez avanzoulle aos participantes algunha das melloras que se contemplan, como transbordos, o desenvolvemento dunha apliación móbil para consultar en tempo real os horarios ou a dispoñibilidade de microbuses para zonas especiais.

Mellorar a información nas paradas, adaptar os horarios das liñas que transcorren polo Ceao -9, 9A e 9E- ao horario laboral e pór en marcha un bus lanzadeira entre o centro da cidade e o polígono, foron as principais suxestións que lle achegaron os asistentes á Alcaldesa na xuntanza no Ceao.

Por outra banda, os veciños que participaron no encontro das Gándaras fixeron fincapé en establecer conexións directas entre o barrio e o polígono do Ceao, en mellorar a información nas paradas e en adaptar os horarios das liñas ao da entrada dos institutos. Ademais, propuxeron establecer máis paradas para a liña 14A, que chega ao HULA, tanto no recorrido de ida como no de volta, así como adiantar a primeira saída de cara ao hospital. Por último, plantexaron a posibilidade de que as liñas 7 ou 5 accedan a dentro da Muralla e non terminen na Ronda, entre outras suxestións.

Estas foron a novena e décima xuntanza enmarcadas dentro do Móvete por Lugo, unha campaña posta en marcha polo Concello aproveitando o novo contrato do transporte. A Alcaldesa, logo das xuntanzas de hoxe no Ceao e nas Gándaras, desprazarase ao local social de Esperante o vindeiro xoves ás 20:30 horas, tras escoitar as propostas dos veciños da Abella, A Milagrosa, A Residencia, Sagrado Corazón, Fontiñas, Fingoi, Piringalla e Garabolos e A Ponte.

Xunto ás xuntanzas, os lugueses poden achegar as súas propostas a través do enderezo electrónico moveteporlugo@concellodelugo.org, da web do Concello www.lugo.gal ou do Servizo de Atención Cidadá 010.

Noticias relacionadas