A Alcaldesa anuncia a renovación dos equipos de comunicación da Policía Local, “un servizo básico tanto para o Concello como para a cidadanía”

“Dotar aos policías de instrumentos é dotar á cidadanía de máis seguridade. Cada euro investido na Policía, é un euro investido na comunidade. É diñeiro investido en Lugo e é un investimento no veciño”, subliñou Lara Méndez

A Xunta de Goberno de mañá aprobará o proxecto técnico e as cláusulas que rexerán na licitación desta renovación dos equipos, que ascende a 240.000 euros

A nova dotación está composta por 150 equipos portátiles para os axentes e favorece a encriptación das comunicacións. A rede controlarase dende a sala do 092 e permite a xeolocalización de todos os terminais en tempo real

Martes, 29 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa anuncia a renovación dos equipos de comunicación da Policía Local, “un servizo básico tanto para o Concello como para a cidadanía”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, deu a coñecer este martes un “gran paso en materia de modernización para o corpo da Policía Local”. Trátase da renovación da rede de radiocomunicacións dixitais de voz e datos para este servizo municipal, cuxo proxecto técnico e cláusulas administrativas particulares se aprobarán mañá en Xunta de Goberno. A licitación ascende a 240.000 euros e comprende tanto o suministro do equipamento, como a instalación, programación e posta en marcha do mesmo.

 “Dotar aos policías de mellores instrumentos é, directamente, dotar á cidadanía de máis seguridade. Cada euro investido na Policía, xa sexa en número de efectivos, en coches ou en radiotransmisores, é un euro investido na comunidade. É diñeiro investido en Lugo e é un investimento directamente na veciñanza”, asegurou a rexedora no acto de presentación, ao que tamén asistiu o Xefe da Policía Local, Manuel Novo, e o voceiro deste servizo, José Manuel Santiso; ao tempo que facía fincapé na Policía como un servizo básico tanto para a administración como para a cidadanía.

Tal e como manifestou a rexedora, coa adquisición dos novos radiotrasmisores, dase un paso máis na seguridade e cúmprese cunha petición lexítima do Corpo de Policía Local, pero tamén se garantiza unha comunicación real entre axentes, o que fai que se poidan coordinar as accións, e que estean interconectados en calquera punto do Concello, evitando as zonas de sombras das coberturas teléfonicas. “A tradución deste equipamento é sinxela: maior equipamento, maior interconexión entre os axentes, maior axilidade na resposta que se lle dá ao veciño”, aseverou Lara Méndez, quen focalizou este mellora na persoa, que é o principio e fin de todas as accións do Goberno, e en temas de seguridade moito máis.

Na actualidade, as comunicacións da Policía Local de Lugo susténtanse nunha rede de equipos de radiocomuniación cunha antigüidade de máis de 15 anos, complementándose con terminais telefónicos móbiles para comunicacións individuais, en servizos ordinarios. Debido a obsolescencia de dita rede de radiocomuniación este Goberno considerou unha prioridade a substitución da mesma, por outra de tecnoloxía avanzada –sistema DMR-, para a comunicación dixital.

150 equipos portátiles

O novo equipo de comunicacións está composto por 150 equipos portátiles para os axentes, móbiles para vehículos e motocicletas, e fixos para a a sala de control e infraestruturas. Ademais, supón unha serie de melloras ao favorecer a encriptación das comunicacións, garantindo así a confidencialidade das transmisións e a protección dos datos transmitidos, tanto en situacións ordinarias como en casos de emerxencia. A rede contrólase e adminístrase dende a sala do 092, e permite a xeolocalización de todos os terminais en tempo real.

Entre outras melloras con respecto ao sistema empregado actualmente destacan:

  •  Permite o envío e recepción de mensaxes de texto, así como conexión coa rede telefónica ordinaria
  • Mellórase o sinal en espazos cerrados
  • Menores problemas de cobertura. Co uso de repetidores, que se contempla a utilización de 3, abárcase o territorio municipal con calquera tipo de equipo
  • Sistema escalable, de tal xeito que, se fose necesario, se añadirían outros repetidores para ampliar a cobertura ou enlazar zonas específicas, e aumentar o número de equipos se se extendera a outros servizos municipais de emerxencia
  • Permite a monitorización remota de sensores e radioalarmas
  • Os terminais portátiles terán medidas de protección en materia de golpes, caídas, protección contra a auga, inmersión ata 1 metro de profundidade. Permitirían ademais funcións de chamada xeral, individual de grupos, ou a función de home morto (en caso de permanecer moito tempo en posición tumbado)
  • O sistema almacena todas as posicións e recorridos dos equipos, e represéntaos mediante planos e mapas

“Este é un das múltiples dotacións coas que queremos modernizar á policía de Lugo. A policía do século XXI, esixe dotacións tecnolóxicas do século XXI”, concluíu a Alcaldesa, quen ensalzou o “bo traballo” da Policía Local, que non soamente realiza as súas labores competenciais de regular o tráfico e asistir a outras administracións, senón que acomete tarefas de asistencia social.

Pola súa banda, Novo agradeceu ao Goberno, e persoalmente á rexedora, as xestións para a adquisición de novos equipos de comunicación, o que paliará a deficiencia da cobertura e mellorará a calidades das comunicacións actuais. O Xefe da Policía Local tamén fixo fincapé nas melloras desta modernización, que inclúe 3 repetidores (actualmente 1), polo que se cubrirá toda a cidade. Ademais tamén lembrou a encriptación do novo sistema, o que proporcionará unha seguridade absoluta, así como unha maior penetración nos edificios.

Audio

  • A Alcaldesa, sobre a renovación dos equipos de comunicación da Policía Local | Descargar mp3

Multimedia

  • A Alcaldesa anuncia a renovación dos equipos de comunicación da Policía Local, “un servizo básico tanto para o Concello como para a cidadanía”

Noticias relacionadas