Activado o primeiro portal de transparencia do Concello, “unha gran fiestra á xestión municipal de acceso rápido e sinxelo”

A Alcaldesa presentou www.transparenciaconcellolugo.gal, unha web con 78 entradas de información estruturada en 6 apartados sobre a Corporación, servizos, economía, contratación, urbanismo e medio ambiente

O portal cumpre coa Lei de Transparencia e cos índices establecidos pola organización Transparencia Internacional, polo que Lara Méndez espera que o Concello escale postos no vindeiro ránking elaborado por esta entidade

A nova ferramenta responde ao compromiso político adquirido polo Goberno ao inicio do mandato de mellorar a calidade democrática e a transparencia, requisito “para o bo funcionamento da democracia”

Martes, 03 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Activado o primeiro portal de transparencia do Concello, “unha gran fiestra á xestión municipal de acceso rápido e sinxelo”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, informou este martes da activación do primeiro portal de transparencia do Concello, www.transparenciaconcellolugo.gal, co que “abrimos unha gran fiestra á actividade municipal e á utilización dos recursos públicos á que os lucenses poderán asomarse dunha maneira rápida e sinxela”. No novo portal, ao que se accede tamén dende a web lugo.gal, a cidadanía pode atopar dende hoxe mesmo 78 entradas con información, estruturada en 6 grandes apartados sobre a Corporación, servizos, economía, contratación, urbanismo e obras, e medio ambiente.

A iniciativa enmárcase “nun dos compromisos fundamentais que adquirimos como Goberno ao inicio do mandato: a mellora da calidade democrática e a transparencia, un compromiso que nos vai axudar a modernizar a Administración e a facela máis accesible e útil aos veciños e veciñas de Lugo”, subliñou Lara Méndez, engadindo que a “transparencia e o acceso á información son un dereito necesario para o bo funcionamento da democracia. Non hai democracia sen transparencia, nin transparencia sen democracia”.

Os 6 bloques informativos de www.transparenciaconcellolugo.gal son os seguintes:

  1. Información sobre a Corporación municipal. Recolle a estrutura organizativa do Concello, así como os compoñentes da Corporación e as súas retribucións, o persoal do Concello, a relación de postos de traballo na entidade local, ofertas de emprego ou procesos de selección, entre outros. Ademais, neste primeiro punto figura todo o que se refire a acordos da Xunta de Goberno e do Pleno, así como resolucións xudiciais
  2. Relacións coa cidadanía e a sociedade. Detalla o catálogo xeral de Servizos do Concello, así como as súas sedes e as incidencias nestes mesmos servizos. Tamén recolle os procedementos administrativos
  3. Transparencia económica e financeira. Neste apartado aparecen os orzamentos anuais do Concello, así como as modificacións presupostarias. Tamén aparece reflectido o ingreso, gasto e investimento por habitante, o período medio de pago aos provedores ou a débeda municipal. A través deste apartado os cidadáns exercerán o seu dereito ao control do gasto, fiscalizando a acción do Goberno, tanto a oposición como o conxunto da cidadanía
  4. Transparencia nas contratacións dos servizos. Recolle as convocatorias das mesas de contratación e a contía das operacións cos provedores máis importantes do Concello
  5. Transparencia en materias de urbanismo e obras públicas. Inclúe a licitación das obras públicas, ademais das políticas medioambientais e convenios urbanísticos, entre outros
  6.  Indicadores da nova lei de transparencia. Neste último apartado está recollida a planificación do Concello, os contratos formalizados, as subvencións concedidas ou a relación de inmobles, entre outros

Indicadores

A Alcaldesa explicou que para a elaboración do portal seguíronse os índices de transparencia establecidos pola organización Transparencia Internacional, de recoñecido prestixio a nivel mundial, que ten como fin impulsar e avaliar a transparencia nas distintas institucións públicas.

No último ranking elaborado por esta organización, indicou Méndez, correspondente ao ano 2014, o Concello figura entre os primeiros postos das grandes cidades galegas en transparencia, e a moita distancia de municipios como os de Ourense, Santiago e Ferrol. “Coas melloras introducidas o pasado ano na páxina web do Concello e coa posta en marcha agora do portal de transparencia, estamos convencidos de que seguiremos escalando postos neste ranking ata converternos nun dos concellos máis transparentes de España”, asegurou.

Grazas aos traballadores municipais

O portal de transparencia, “co que cumprimos a Lei de Transparencia e un acordo plenario”, apuntou a rexedora, “foi posible grazas ao traballo e colaboración das diferentes áreas e servizos municipais, que tiveron que facilitar a información requirida para completar os 78 indicadores dos que consta a web”. A Alcaldesa agradeceu este “esforzo aos traballadores municipais que, unha vez máis, demostraron a súa profesionalidade, volcándose dende o primeiro momento con este proxecto e facilitando toda a información á que dende hoxe pode acceder toda a cidadanía a través de www.transparenciaconcellolugo.gal

Vivo e dinámico

Lara Méndez afirmou así mesmo que a vontade do Goberno é que o portal de transparencia activado hoxe “sexa vivo e dinámico, como o é a vida do propio Concello”, polo que se actualizará constantemente cos datos e documentación que se vaian xerando a partir de agora.

Audio

  • Lara Méndez, sobre a presentación da web de Transparencia|Descargar mp3

Noticias relacionadas