Aberto o prazo de presentación para as axudas de apoio ás asociacións culturais do municipio, que ascenden a uns 15.000 euros

Todas os colectivos interesados poden presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello ata o 30 de outubro. O importe máximo por asociación é de 3.000 euros

Luns, 16 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, que dirixe Carmen Basadre, ten aberto o prazo de presentación das solicitudes para as axudas de apoio ás persoas xurídicas sen ánimo de lucro e asociacións culturais, tanto para a súa actividade, como para o mantemento, conservación e pequenas reparacións das infraestruturas nas que levan a cabo os seus programas. Esta convocatoria, que foi publicada na Base de Datos Nacional de Subvencións, ascende a un total duns 15.000 euros.

O prazo de presentación de solicitudes, tal e como se recolle na publicación do Boletín Oficial da Provincia do sábado, é de 15 días naturais dende a súa publicación, é dicir, ata o luns, 30 de outubro, no Rexistro Xeral do Concello.

Os criterios de valoración son os seguintes: o interese xeral da actividade ou programa, a especialización na atención a colectivos aos que van dirixidos, o seu carácter permanente e continuo, que se trate de entidades ou asociacións que presenten a xuízo da comisión avaliadora unha traxectoria de coordinación e colaboración nas súas actuacións co Concello, orixinalidade e carácter innovador da actividade, que na composición da directiva da asociación exista como mínimo unha porcentaxe do 50% de mulleres, o uso e difusión do galego, oral e escrito, na programación da actividade, a difusión dos valores culturais lucenses e galegos e que a entidade conte cunha vogalía ou departamento de muller ou igualdade. O importe máximo por asociación é de 3.000€.

Noticias relacionadas