26 persoas en situación de desemprego participan en dous cursos para a inserción profesional organizados polo Concello de Lugo

Martes, 26 de maio de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo acolle dende hoxe a realización dúas accións formativas que a Concellería de Economía e Emprego organizou dentro do plan FIP (Formación para a Inserción Profesional) e no que están a participar un total de 26 persoas en situación de desemprego.

Estas accións formativas contan coa financiación ao 100% pola Consellería de Traballo da Xunta de Galicia, e o obxectivo é instruír aos participantes no sector dos servizos profesionais a empresas co fin de dotar ás empresas lucenses de expertos en diferentes áreas.

s cursos que se están a impartir son os seguintes:

- Empregado de Xestión Financiera de Empresas: Trátase dun curso de 500 horas que terá lugar de luns a venres en horario de mañá ata o 14 de outubro e no que están a participar 15 persoas, en situación de desemprego inscritos como demandantes de Emprego no INEM.

O obxectivo deste curso é que o alumnado coñeza os medios existentes para financiar a actividade empresarial, e dominar os métodos para optimizar a financiación na empresa. Permitiralles analizar a situación económico-financeira da empresa a través dos estados contables e financeiros. Ademais, os alumnos coñeceran os elementos teóricos e os criterios prácticos necesarios para xestionar con eficacia a tesourería nunha empresa. Tamén serán instruídos en materia de ofimática financeira para comprender e exercitarse no funcionamento de equipos ofimáticos empregados nas entidades financeiras e no uso de diversas aplicacións; así como en seguridade e saúde laboral.

- Xestor de solvencia e financiamento empresarial: Este curso conta cun programa de 430 horas que se desenvolverá dende hoxe 26 de maio ao 22 de setembro en horario de tarde. Ofértanse 15 prazas, das que están cubertas 11, para demandantes de Emprego inscritos no INEM.

Esta actividade formativa permitirá aos asistentes aplicar as ferramentas e métodos básicos da análise de solvencia e da financiación empresarial, combinando elementos de análise económico-financeiro, de fiscalidade, de Seguridade Social, así como o coñecemento do sistema financeiro, coa fin de diagnosticar e avaliar a coherencia e a viabilidade da política de financiación empresarial. Tamén facultará ao alumnado para a elaboración do informe de solvencia empresarial da entidade.

Prazas vacantes

Dentro de pouco comezará outro dos cursos organizados dentro do plan FIP: o de axente de innovación, para o que aínda hai prazas libres: Esta actividade formativa terá unha duración de 200 horas. Ofértanse un total de 15 prazas para persoas en situación de desemprego inscritos como demandantes de Emprego no INEM.

Este curso, que vai xa pola súa terceira edición, capacitará aos alumnos para xestionar as políticas de innovación da empresa, definir e desenvolver proxectos de innovación, investigación e desenvolvemento tecnolóxico. Igualmente coñecerá as convocatorias de subvencións para a realización de proxectos de I+D+i, e poderá solicitar a protección dos resultados xenerados nos mesmos, e incluso coñecer o proceso da creación dun spin-off na forma de empresa de base tecnolóxica.

Con este curso preténdese formar aos asistentes ante a crecente importancia da I+D+i na supervivencia das empresas nos mercados e as maiores posibilidades de axudas e financiación para os proxectos encadrados neste eido. Este curso vai xa pola súa III edición, e a razón de solicitalo novamente debeuse a que nas pasadas edicións quedaron persoas interesadas na súa realización, que non puideron acceder por falta de prazas.

As persoas interesadas deben acudir, o antes posible, á oficina de emprego na que estean inscritos como demandantes e manifestar expresamente o seu interese na realización destes cursos, para que a propia oficina os poida convocar á proba de selección de candidatos.

Os asistentes ao curso deben contar co título de bacharel ou coñecementos equivalentes, ou ser titulados universitarios de grao medio ou superior.

Os interesados en obter máis información sobre estes cursos poden contactar co Centro de Empresas e innovación do Concello a través dos teléfonos 982 29 74 74 – 982 29 74 68 ou do correo electrónico formación@cei.lugo.es.

Multimedia

Noticias relacionadas