A Alcaldesa foi recibida pola xunta directiva, quen lle fixo entrega da figura de Sargadelos do que foi o edificio primixenio da sociedade, a terceira con máis socios de Galicia.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, visitou esta mañá as instalacións do Club Fluvial de Lugo, onde foi recibida por varios integrantes da xunta directiva, encabezada polo seu presidente, Tito Valledor e polo seu vicepresidente, Luís Ramos Misioné. A rexedora municipal asinou no libro de ouro da sociedade deportiva e se interesou por proxectos futuros dunha entidade, da que destacou que “ten un gran peso non só desde o punto de vista deportivo, senón tamén social”, ao tempo que puxo en valor “o feito de que sexa a terceira entidade con maior número de socios de toda Galicia”.
Pola súa banda, os integrantes da xunta directiva do Fluvial de Lugo fixeron entrega á alcaldesa da figura de cerámica de Sargadelos, que representa ao edificio primixenio do club, que foi obxecto dunha importante ampliación hai uns oito anos e que na actualidade conta cuns 17.000 socios.



