Miguel Fernández: “Os técnicos están a valorar o método máis adecuado para restaurar a imaxe da praza de xeito respectuoso coa contorna e o máis axiña posible”.
O edil solicitou colaboración veciñal para evitar este tipo de actos vandálicos que danan o patrimonio e a imaxe de Lugo.
O tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, explicou que “dende o Concello solicitamos o permiso á Dirección Xeral de Patrimonio, dependente da Consellería de Cultura, para proceder á limpeza das pintadas achadas este martes na contorna da Catedral, concretamente no chan da Praza de Santa María, diante da escalinata do Pazo Episcopal”.
“Unha vez recibamos o pertinente visto bo, procederase á retirada da pintura o máis axiña posible, actuación na que os técnicos están xa a valorar o método máis adecuado e respectuoso co tipo de material no que se vai a actuar”, apuntou o edil.
Miguel Fernández condenou este tipo de actos vandálicos que “danan o patrimonio e a imaxe da cidade”, e solicitou a colaboración dos veciños e veciñas tanto no coidado do patrimonio público como na denuncia do vandalismo que se detecte, xa “que é unha obriga de todos os cidadáns”.
Eliminación de pintadas achadas na fin de semana
O concelleiro apuntou, ademais, que xa se procedeu á eliminación de pintadas achadas durante a fin de semana nas seguintes rúas: Ángel López Pérez, San Pedro, Rúa da Raíña, Anxo Fernández Gómez, Campo Castelo, Praza de Santo Domingo e San Roque, “para o que se requiriron tres xornadas de traballo, con medios propios do Concello”.