Xoves repleto de cultura e gastronomía en Lugo

O MIHL e o Auditorio Municipal Gustavo Freire acollerán a cata literaria da lancaresa Rocío López e a representación da obra El Eunuco ás 20:00 e ás 20:30, respectivamente

Todos os interesados en asistir poden mercar a súa entrada na páxina web www.entradaslugo.es e na Oficina Municipal de Turismo, así como no propio MIHL -para as catas- ou no Gustavo Freire -para o teatro-

Mércores, 10 de febreiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Mañá xoves, 11 de febreiro, os lucenses poderán escoller entre asistir á cata literaria da lancaresa Rocío López que terá lugar no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) ou á representación teatral de El Eunuco, enmarcada dentro da programación da XVI Mostra de Teatro Clásico que arrancará mañá no Auditorio Municipal Gustavo Freire.

As entradas para ambas actividades, que comezarán ás 20:00 e ás 20:30 horas respectivamente, aínda poden mercarse. Para as catas, as entradas están dispoñibles na páxina web www.entradaslugo.es, na Oficina Municipal de Turismo e no propio MIHL e para a mostra de teatro, nesta plataforma electrónica así como no Centro de Interpretación da Muralla e no mesmo auditorio, unha hora antes do comezo do espectáculo.

Literatura, teatro e gastronomía
Na cata literaria ademais de literatura haberá gastronomía lucense acompañada de viño da Ribeira Sacra. Como en anteriores ocasións, as librerías da cidade porán á disposición dos asistentes no MIHL a bibliografía do escritor protagonista para que os asistentes poidan mercalos e asinalos polo propio autor.

Por outra banda, a XVI Mostra de Teatro Clásico ofrecerá non só teatro senón tamén gastronomía, xa que 9 restaurantes da cidade crearán unha tapa inspirada nas obras teatrais que se representarán no auditoiro, e que se poderán degustar entre o 11 de febreiro e o 12 de marzo por un prezo de 2 euros. Os establecementos participantes son Arrocería os Cachivaches, Canela Bakery Coffee, Mesón de Alberto, Restaurante Antas de Ullas, Restaurante Campos, La Encina, Mangiarte, Manuel Manuel e Paprica.

Noticias relacionadas