Volve a Mostra de Teatro Clásico celebrando a súa XXIV edición

“Contamos con 10  obras teatrais de primeira calidade, éxito de crítica e de público en diversos festivais de todo o Estado”, explicou Maite Ferreiro.

A XXIV edición da Mostra de Teatro Clásico terá lugar entre o 2 e o 17 de marzo no Auditorio Municipal Gustavo Freire.

Mércores, 21 de febreiro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Volve a da Mostra de Teatro Clásico celebrando a súa XXIV edición

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou a XXIV edición da Mostra de Teatro Clásico, que este conta con 10 representacións que encherán o Auditorio Municipal Gustavo Freire durante o mes de marzo. “Quixemos facer unha programación extensa, de calidade e para todos os públicos”, explicou Maite Ferreiro, que engadiu “continuamos a concentrar a mostra no mes de marzo, facilitando a afluencia do público e a difusión da programación de Teatro Clásico”.

A Mostra de Teatro Clásico do 2024 contará tamén cunha importante aposta polas compañías galegas que comezaron a producir obras clásicas. As entradas poderán adquirirse a través do portal entradaslugo.es a 8€ nos espectáculos para público adulto e 3€ os espectáculos para público familiar que teñan lugar no auditorio. As persoas en paro, menores de 30, pensionistas e actores e actrices asociadas á AAAG poderán desfrutar dun 30% de desconto. Ademais, poderase comprar un bono que incluirá toda a programación para público adulto a un prezo de 40€.

Programación XXIV Mostra de Teatro Clásico

“Burro” de Ay Teatro. 2 de marzo. 20.30h

  • Dramaturxia: Álvaro Tato.
  • Dirección: Yayo Cáceres.
  • Elenco: Carlos Hipólito, Fran García, Iballa Rodríguez, Manuel Lavandera.
  • Idade recomendada: A partir dos 16 anos.
  • Duración: 80 minutos.
  • Sinopse: Nunha finca baleira, un burro atado a unha estaca cóntalle a vida á súa sombra mentres se achega un incendio forestal. Así comeza unha viaxe traxicómica, divertida, tenra, poética e profunda que explora os grandes textos clásicos sobre o asno e a intensa relación entre o animal e o ser humano.A música en directo e o teatro máis puro acompañan a este asno sen nome, de seis mil anos de idade, nun percorrido polas súas aventuras, desventuras e peripecias ao longo da Grecia e a Roma clásicas, a Idade Media festiva e entroidesca, ao “Siglo de Oro” español e inglés, a Ilustración e a Modernidade. Un relato que loita contra o esquecemento mentres o lume se vai achegando. Unha obra que deixa pegada… de pezuño. Ay Teatro presenta unha traxicomedia con música en directo inspirada nas obras mestras da literatura que xiran en torno ao asno, e protagonizado por un dos actores esenciais da historia do teatro do estado español.

“Anónimo” de Hilo Producciones. 3 de marzo. 18.30h

  • Dramaturxia e dirección: Sandro Cordero.
  • Elenco: Laura Orduña, Enrique Dueñas, Bea Canteli, Sandro Cordero.
  • Idade recomendada: A partir dos 14 anos.
  • Duración: 75 minutos.
  • Sinopse: Poucas novelas na historia retrataron a situación social e política que as arrodeaban dun xeito tan incisivo, lúcido e intelixente como fixo “El Lazarillo”.Anónimo é un curioso e divertido achegamento a unha época lonxana que contemplamos case condescendentes, desde o convencemento de que nada diso podería volver ocorrer. Hoxe, non. Hoxe, a visión demoledora de “El Lazarillo” segue a ser máis pertinente que nunca. Unha visión, ademais, que en Hilo resúltanos atractiva, porque a pesar da aparente desolación que poida parecer que conleva todo o que se dixo até o de agora, nada máis lonxe: “El Lazarillo” é unha comedia áxil, fresca e esmendrellante. Unha comedia gamberra e que non concede respiro, e que, cando pousa, dá paso á reflexión e ao pensamento crítico. A versión e dirección desta montaxe non engana: Sandro Cordero é un gran amante dos clásicos, e na súa obra distínguese claramente un empeño por achegar os grandes autores teatrais e literarios ao público actual, por quitarlles aos clásicos a pátina de elitismo e erudición e devolverlles o carácter popular do que gozaban na súa época.

“Mañanas de abril y mayo” de Teatro de Malta. 7 de marzo. 20.30h

  • Versión: Carolina África.
  • Dirección: Laila Ripoll.
  • Elenco: Pablo Béjar, Guillermo Calero, Jose Ramón Iglesias, Sandra Landín, Juan Carlos Pertusa, Alba Recondo, Nieves Soria e Ana Varela.
  • Idade recomendada: A partir dos 16 anos.
  • Duración: 90 minutos.
  • Sinopse: Guzmán vén embozado a fin de non ser recoñecido, a xustiza perségueo por dar morte tempo atrás, por celos, a un cabaleiro que atopou ao saír da casa de dona Ana de Lara, a súa namorada. O amor por ela faille volver a Madrid, a pedir refuxio xunto ao seu amigo don Pedro, cuxa casa é contigua á de dona Ana. Don Pedro, á súa vez, anda por «aquellas mañanas de abril y mayo», en galanteos polo parque da cidade, tras dona Clara, da que está perdidamente namorado. O amante de dona Clara é don Hipólito, o máis fato e maldicente cabaleiro de todo Madrid, quen lle prohibíu saír ao parque, pero dona Clara burla a prohibición facéndose pasar por outra muller descoñecida da que o papaventos de don Hipólito namora ao momento. “Mañanas de abril y mayo” é unha deliciosa comedia chea de alegría e vitalidade. Pragada de enredos e confusións, onde se recrea un Madrid verde e florido, bucólico e sensual, no que as parellas de namorados confúndense, evítanse, engánanse, sorpréndense, búscanse, e, ás veces, ata que se atopan. Todo é xogo e alegría neste Calderón primaveral e rebuldeiro, onde a forza da natureza imponse á reflexión, e as hortas, xardíns e pequenos bosques de Madrid resultan ser os outros grandes protagonistas da trama.

“El perro del hortelano” de Vania Produccions. 8 de marzo. 20.30h

  • Versión e dirección: Paco Mir.
  • Elenco: Moncho Sánchez-Diezma, Caqui Montoya, Manolo Monteagudo e Amparo Marín.
  • Idade recomendada: A partir dos 14 anos.
  • Duración: 90 minutos.
  • Sinopse: O pesadelo que calquera actor ou produtor tivo: chega o día da actuación e a función non se pode facer. Un pesadelo recorrente que no noso caso convírtese en toda unha realidade: por un erro absurdo, a compañía que tiña que representar “El perro del hortelano” vai camiño de Albacete e no teatro só se presentaron dous técnicos que viaxaban pola súa conta, dous técnicos moi predispostos que, con axuda do que atopen polo teatro, comprométense a ofrecerlle ao público a función que viñeron ver.

“Abre el ojo” de Noviembre Compañía de Teatro. 9 de marzo. 20.30h

  • Versión e dirección: Eduardo Vasco.
  • Elenco: Rafael Ortiz, Elena Rayos, Alberto Gómez Tabeada, Manuel Pico, Jesús Calvo, Celia Pérez, Mar Calvo, Anna Nácher e Daniel Santos.
  • Idade recomendada: A partir dos 14 anos.
  • Duración: 90 minutos.
  • Sinopse: “Abre el ojo” de Francisco de Rojas Zorrilla é unha comedia de capa e espada, urbana, pero que se alonxa dos seus precedentes ao presentar unhas personaxes de dubidosa catadura moral que teñen pouco que ver cos habituais tipos do xénero. Unha sorte de vodevil no que manda a alegría de vivir, cheo de entradas e saídas, agochos, enredos, comicidade ao límite e un só propósito: que o espectador abra o ollo e non se fíe de ninguén que veña en nome do amor. Don Clemente vive no medio dun triángulo amoroso sen decidirse entre unha viúva chamada dona Hipólita; unha caseira despeitada: dona Beatriz; e unha dama sen prexuízos con moita lixeireza social chamada dona Clara, a cal se atopa nunha situación parecida con tres cabaleiros. Finalmente, o importante é advertir ao espectador que debe “abrir el ojo” para estar atento ante calquera engano por parte dos seus amantes, porque aínda que todo pasa sobre a escena nunca se sabe cando a burla lle pode afectar ao propio espectador…

“O Crebanoces” de Larraitz Urruzola Producións Artísticas. 10 de marzo. 18.30h. Espectáculo para público familiar

  • Dirección: Eduardo R. Cunha e Santi Prego.
  • Elenco: Larraitz Urruzola.
  • Idade recomendada:  A partir dos 4 anos.
  • Duración: 60 minutos.
  • Sinopse: O Crebanoces é un espectáculo inspirado no conto de Hoffmann. No espectáculo emprégase a música que creou Tchaikowsky. O padriño Drosselmeier vainos contar a historia do xoguete que acaba de traer neste Nadal para os seus sobriños, un boneco crebanoces que se enfrontará á Raíña dos Ratos e que nos transportará ao mundo dos contos, onde escoitaremos a suite completa do Crebanoces de Tchaikovsky. O espectáculo está producido para monicreques de mesa con manipulación mixta (siluetas, bocóns, obxectos e outros). Durante a execución da música hai pantomimas dos bonecos, e entre unha e outra parte musical hai escenas con partes faladas dos bonecos e narración cara ao público.

“Julio César” de Companhia do Chapitô. 14 de marzo. 20.30h

  • Versión: Creación colectiva da Companhia do Chapitô.
  • Dirección: José C. García e Cláudia Nóvoa.
  • Elenco: Jorge Cruz, Pedro Diogo e Susana Nunes.
  • Idade recomendada: A partir dos 13 anos.
  • Duración: 60 minutos.
  • Sinopse: A Companhia do Chapitô presenta “Julio César”, unha creación teatral baseada nos eventos da vida desta personaxe histórica, inmortalizada polos grandes narradores, desde Plutarco a Shakespeare. A 39ª creación colectiva do repertorio desta compañía segue explorando a comedia coma linguaxe para reinventar a historia. Inspirado na imaxinación popular das representacións de Roma e a notable figura que foi Julio César, explorando as inconsistencias históricas e tomándose liberdades no tratamento de feitos documentados – coa falta de rigor que xa caracteriza á Companhia do Chapitô – aquí chega a desconsagración doutro monstro histórico: Julio César. Tratábase dun tirano que merecía morrer ou dun heroe brutalmente asasinado polos conspiradores? Que veña o Diaño e elixa. Aquí non hai heroes nin viláns, hai circunstancias e persoas astutas a buscarse a vida. Tamén hainas menos astutas que fan o que se lles di. E xente virtuosa que fai o que hai que facer. Arrastramos a todos por igual. Entre a reconstrución histórica, o documental e a parodia, aquí temos outra creación orixinal da Companhia do Chapitô.

“Las bingueras de Eurípides” de Las Niñas de Cádiz. 15 de marzo. 20.30h

  • Versión: Ana López Segovia.
  • Dirección: José Troncoso.
  • Elenco: Alejandra López, Teresa Quintero, Mer Lozano, Rocío Segovia, Fernando Cueto, José Troncosos, Jose Carlos Fernández e Ana López Segovia.
  • Idade recomendada: A partir dos 16 anos.
  • Duración: 75 minutos.
  • Sinopse: Dionisio baixa á Terra en forma de muller para enfrentarse ao “Suasenaguer”, un policía empeñado en pechar un bingo ilegal do barrio, onde se xuntan cada tarde un grupo de mulleres para xogar, pero tamén para compartir as súas intimidades, as súas penas, as súas alegrías, e algunha que outra copiña de anís. Servando, compañeiro de traballo de  “Suasenaguer”, intentará disuadilo das súas intencións, mostrándolle que na vida ás veces hai que ser máis flexible e permisivo. Pero o xove e fanático policía, obsesionado co cumprimento da lei, desoirá os seus consellos, arrastrando a todos a un final tráxico e espeluznante. Unha versión libérrima de “As Bacantes” na que se aborda, sempre desde o humor, a eterna loita entre o apolíneo e o dionisíaco, entre a rixidez autoritaria representada polo  “Suasenaguer” e o mundo hedonista de Dionisia e as súas acólitas.

“La Toffana” de La Quintana Teatro . 16 de marzo. 20.30h

  • 5 premios Azahar das Artes Escénicas en Murcia: Mellor espectáculo, dirección, actriz protagonista, iluminación e vestiario.
  • Texto: Vanesa Montfort.
  • Dirección: Maria Herrero.
  • Elenco: Victoria Teijeiro, Amaranta Munana, Aitor de Kintana e María Herrero.
  • Idade recomendada: A partir dos 14 anos.
  • Duración: 90 minutos.
  • Sinopse: "La Toffana" é unha montaxe teatral inspirada na historia real de Giulia Toffana, unha controvertida muller que viviu a mediados do século XVII. Na Italia da época só había unha forma de liberarse dun matrimonio opresivo: enviuvar. Giulia Toffana, alcumada “a envenenadora de maridos”, decidiu axudar a outras mulleres con “matrimonios difíciles” a conseguir a súa liberdade. Creou un veleno indetectable: "a augaToffana". Os “beneficios” da auga Toffana difundíronse rapidamente entre as mulleres. Giulia formou á súa filla e ao seu axudante e creou unha rede de distribución que as levou ata a alta sociedade romana. Mantiveron o secreto durante anos ata que as delataron. Nai e filla foron xulgadas pola Inquisición en 1659 acusadas da morte de máis de 600 homes. “La Toffana” é unha coproducción co CDG.

“Esperando a Will” de Egos Petits. 17 de marzo. 18.30h. Espectáculo para público familiar

  • Premio ao Mellor espectáculo musical en FETÉN 2022.
  • Texto: Rubén Montañá e Toni Sans (A partir das obras de W. Shakespeare).
  • Dirección: Toni Sans.
  • Elenco: Anna Alborch, Rubén Montañá e Maria Santallusia.
  • Idade recomendada:  A partir dos 4 anos.
  • Duración: 55 minutos.
  • Sinopse: Tres clowns —Pústula, Guateque e Muertadehambre—, reuníronse de noite nun lugar solitario para ensaiar unha traxedia escrita por Will, o cuarto membro da compañía, que todavía non chegou. Mentres agardan ao seu amigo, as tres personaxes reflexionarán sobre os temas máis profundos da existencia facendo un retrato da condición humana, mediante a música, o sentido do humor e o teatro dentro do teatro. Tampouco van faltar algúns bailoteos para que quede claro que, ao fin e ao cabo... a vida é unha marabillosa comedia!

Noticias relacionadas