Valle Inclán achégase en galego á cidadanía lucense a través de obradoiros teatrais gratuítos

Carmen Basadre, Isabel Herrero e Anxo Manuel Lamelo presentaron estas actividades que conmemoran o 150 aniversario deste autor, organizadas polo Concello e impartidas por Lucecús Teatro. Terán lugar entre o 24 de xaneiro e o 30 de marzo

Xoves, 12 de xaneiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Valle Inclán achégase en galego á cidadanía lucense a través de obradoiros teatrais gratuítos

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e os actores de Lucecús Teatro, Isabel Herrero e Anxo Manuel Lamelo, presentaron este xoves no Salón de Plenos os obradoiros teatrais gratuítos sobre as obras de Valle Inclán, A cabeza do dragón, dirixida a nenos e nenas, e Ligazón para público adulto.

Carmen Basadre explicou que “con estas actividades se conmemora o 150 aniversario deste autor e ademais se fai en galego, achegando as súas obras á cidadanía, a través dos colexios, institutos, universidade e ao conxunto da sociedade”. Ademais, farán interpretacións na rúa, en distintos espazos públicos, centros culturais e museos.

Pola súa parte, Isabel Herrero e Anxo Manuel Lamelo agradeceron o apoio do Concello e indicaron que “este proxecto terá unha representación final destas obras, que está prevista para o día 30 de marzo no Auditorio Municipal Gustavo Freire e posteriormente noutros espazos”.

Os obradoiros, que comezarán o martes 24 de xaneiro, terán lugar os martes e xoves no Centro de Convivencia Maruja Mallo. No caso do obradoiro A cabeza do dragón, baseada na obra que leva o mesmo título, está dirixido a nenos nenas de 8 a 16 anos, e celebrarase de 17:00 a 19:00 horas, mentres que o obradoiro relacionado coa obra Ligazón está destinado a persoas de máis de 17 anos, de 19:30 a 21:30 horas.

Os obradoiros terán vinte prazas cada un deles, que se cubrirán por rigoroso orde de inscrición ata o 23 de xaneiro, e para anotarse haberá que chamar ao teléfono de atención cidadá 010 ou 982-297-350.

Noticias relacionadas