O Alcalde, José López Orozco, e a Concelleira de Educación, Formación e Orientación Laboral, Esther Muñoz, deron a benvida esta mañá ós participantes nunha Xornada sobre emprego que reúnen en Lugo a técnicos de cinco proxectos de inserción laboral cofinanciados pola Unión Europea.
Na súa intervención, o Alcalde animou ós participantes a que esta xuntanza, na que se contrastan experiencias, serva de estímulo no labor de axudar ás persoas desempregadas a insertarse no mercado laboral.
“Seguirémolo facendo mentres nos deixen”, anunciou o Alcalde, en referencia ós cambios lexislativos que recortan competencias ós concellos en materia de emprego, e detallou que no Concello de Lugo “investiremos en emprego e seguiremos pedindo axudas tanto da Unión Europea, da Xunta, o Goberno cental e dos empresarios co fin de actuar na formación e buscar nichos de emprego e autoemprego”.
A Xornada, titulada “Intercambio de boas prácticas no emprego: Actívate, fórmate, incorpórate”, celébrase no marco da Semana europea do Emprego. É un dos actos previos á conmemoración do Día de Europa, que se festexa o sábado día 9 de maio, e ten lugar no salón de actos do CEI-Nodus, onde se reuniron técnicos do proxecto Lugo Emprego Activo 2, que cofinancia o Fondo Social Europeo, así como dos proxectos Isla 2013, da Deputación provincial de Cáceres; Pacto polo emprego, da Deputación de Lugo; Inserta, do Concello de Ourense, e Imos traballar, do Concello de Vigo.
O encontro comezou cun obradoiro de intercambio de boas prácticas nos que participaron dos técnicos por cada un dos proxectos para elaborar un documento conxunto que serva no futuro para o desenvolvemento deste tipo de programas de emprego e emprendemento.
Ademais, expuxéronse dous dos proxectos participantes: Lugo Emprego Activo 2, do Conecllo de Lugo, e Imos Traballar do Concello de Vigo.
+ Info
- O Alcalde no acto de benvida ás xornadas de emprego | Descargar mp3
- Cartel da xornada | Descargar pdf