Unha delegación de representantes do tecido empresarial da cidade chinesa de Qinhuangdao visita Lugo mañá

Irmandados dende o 2008, será a única localidade española que van visitar para coñecer e manter contacto con empresas lucenses

Xoves, 28 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Este venres visitará Lugo unha delegación de Qinhuangdao, unha cidade chinesa de 6 millóns de habitantes que está irmandada co municipio lucense dende o ano 2008. Lugo é a única cidade española que vai visitar esta delegación, composta por representantes do mundo empresarial de Qinhuangdao.

A Alcaldesa, Lara Méndez, destacou que se trata “dunha visita para fortalecer os nexos de unión que existen entre ambas cidades e coa que damos a coñecer no exterior a noso tecido empresarial, os bens patrimoniais, entre os que temos tres que son Patrimonio da Humanidade, ou a nosa gastronomía, entre moitos outros aspectos singulares da nosa cidade”.

Con motivo desta visita, o Concello organizou un programa de actividades que inclúe unha recepción oficial ás 11:00 horas na Casa Consistorial, que presidirá a Alcaldesa e na que participarán membros da Corporación Municipal.

Posteriormente, a delegación chinesa manterá unha xuntanza ás 11:20 horas no CEI con distintas entidades, como as asociacións de Mulleres Empresarias ou Xóvenes Empresarios.

Pola tarde, manterán unha xuntanza ás 13:20 horas na CEL con varios empresarios lugueses. Finalizarán a xornada realizando un percorrido ás 16:30 horas por diferentes puntos de interese da cidade.

Outras visitas

Esta é a terceira ocasión na que visitan a cidade responsables de Qinhuangdao dende que, en xuño de 2008, se produciu o acordo de irmandamento entre Lugo e esta cidade chinesa e da Muralla romana de Lugo e a Gran Muralla China.

En xaneiro de 2011, outra delegación chinesa, neste caso con responsabilidades en materia de saúde, comercio e economía, desprazouse a Lugo para coñecer e mantivo xuntanzas con empresarios da nosa cidade.

Posteriormente, en decembro de 2013, acudiron representantes chineses do mundo da cultura e o deporte, coa finalidade de coñecer os proxectos destas materias que se levan a cabo na cidade.

Noticias relacionadas