Un paseo en catamarán pola Ribeira Sacra favorecerá a dinámica de grupo dos 20 emprendedores participantes no Inicia Coworking

Trátase dunha actividade de motivación organizada polo Concello, coa colaboración da Deputación, no marco da segunda fase deste plan de apoio gratuíto ao emprendemento

Mércores, 09 de agosto de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, informou de que mañá xoves, 10 de agosto, se celebrará un paseo en catamarán pola Ribeira Sacra. Este evento, organizado polo Concello coa colaboración da Deputación, está enmarcado dentro da programación de xornadas para favorecer a cohesión, integración e creación de sinerxías entre os participantes do Inicia Coworking de  Lugo. Durante o percorrido, con saída ás 16:00 horas dende o embarcadoiro de Doade, está prevista a realización de dinámicas de grupo que fomenten o traballo en equipo, a creatividade, a negociación e a competitividade.

Na xornada está prevista a participación dun total de 30 persoas, alumnos e mentores do espazo coworking, unha actividade que se suma a unha proxección dunha película, celebrada hai unha semana, unha andaina polo río Rato e unha conferencia a cargo de Ramón Suárez, entre outros.

Neste nova etapa do programa toman parte 20 emprendedores, que  recibirán durante cinco meses de xeito gratuíto apoio integral, individual e personalizado aos emprendedores e emprendedoras de Lugo para poñer en marcha con éxito a súa empresa, asegurando así a súa viabilidade tanto técnica como económica.

Noticias relacionadas