Maite Ferreiro: "continuamos a apoiar un festival xa consolidado, que realiza unha importante aposta pola presenza feminina e polos grupos de Lugo".
O festival volverá celebrarse este ano na fin de semana do 9 ao 11 de maio.

O Tenente de Alcaldesa do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, xunto coa concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentaron a oitava edición do festival FaCeLa Fest, o festival de música independente que conta coa colaboración da Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo a través da área de Cultura. "Renovamos o noso apoio a un festival xa consolidado no calendario cultural de Lugo, que realiza unha importante aposta pola presenza das agrupacións lideradas por mulleres e polos grupos de Lugo", explicou Maite Ferreiro, que estivo acompañada por integrantes da Asociación cultural FaCeLa na presentación do festival.
O FaCeLa Fest volverá este ano nas súas datas habituais, celebrándose entre o 9 e o 11 de maio. O escenario principal volverá ser o exterior do Auditorio Municipal Gustavo Freire, e o cartel deste ano volverá apostar por bandas míticas da escena independente, entre as que se atopan nomes como Lisabö, Los Enemigos ou Auto Sacramental.
O Facela Fest é un festival de autor onde prima unha cousa por riba de todo: a calidade das bandas participantes. Un festival de música independente que se diferencia doutros festivais de música do País polo seu coidado e arriscado cartel. Non é outro festival clónico, senón unha clara aposta pola diferenciación, coa cultura como eixo fundamental; é unha clara aposta pola -calidade das bandas.


