A reunión a tres bandas que acadou a Alcaldesa con ADIF e Xunta para impulsar a Intermodal será o 19 de febreiro

Luns, 29 de xaneiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A reunión a tres bandas –ADIF, Xunta e Concello- que acadou a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, para impulsar o proxecto de construción dunha Estación Intermodal na cidade terá lugar o 19 de febreiro en Madrid, na sede da entidade pública empresarial, dependente do Ministerio de Fomento. A convocatoria desta xuntanza foi o compromiso que logrou a rexedora na reunión que mantivo en Madrid a principios deste mes co presidente da entidade ferroviaria, Juan Bravo.

O Goberno local lembra que, despois de que mesmo se asinase un protocolo en 2010 para a implantación da Intermodal e se chegase a adxudicar a redacción do proxecto técnico, a infraestrutura caeu no esquecemento dos executivos central e autonómico, ata o punto de que a día de hoxe Lugo é a única das grandes cidades galegas para a que nin nos orzamentos estatais nin autonómicos se contemplan fondos para poñer en marcha un proxecto deste tipo.

Na nova xuntanza do 19 de febreiro participarán xunto á propia Alcaldesa, a Conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o Presidente de ADIF, Juan Bravo, co fin de avanzar no proxecto da Intermodal, o único que garante que o AVE chegue a Lugo e, deste xeito, dispoñer de infraestruturas ferroviarias modernas que comuniquen a cidade co resto de Galicia e da Meseta, que vertebren o territorio e impulsen o desenvolvemento social e económico do municipio. 

Noticias relacionadas