Publicada a lista de admitidos dos cursos de verán de educación viaria, que arrincarán o vindeiro luns

Os interesados poden consultar a lista no taboleiro de anuncios do Parque Infantil de Tráfico, na páxina web do Concello www.lugo.gal e na Xefatura de Tráfico

Mércores, 29 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo vén de publicar a lista de admitidos e excluídos para os cursos de verán de educación viaria, que arrincarán o vindeiro luns e se desenvovlerán ata o 29 de xullo no Parque Infantil de Tráfico. Todos os interesados poden consultar a lista no taboleiro de anuncios do PIT, na páxina web do Concello www.lugo.gal e na Xefatura de Tráfico.

Trátase duns cursos organizados pola entidade local, en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, dirixidos a preto de 200 nenos e nenas, con idades comprendidas entre os 8 e os 14 anos, que buscan que os máis cativos adquiran condutas seguras como peóns e viaxeiros e como usuarios do transporte público e privado, así como aspectos sobre tráfico, hábitos correctos e seguros tanto en vías urbanas como interurbanas, e situacións de tráfico reais.

Estableceranse 7 quendas en función das idades dos cativos e cativas. Un primeiro, un segundo e un terceiro turno do 4 ao 8 de xullo e do 11 ao 15 de xullo para nenos e nenas de 8 e 9 anos; e un cuarto e quinto para os pequenos de 10 e 11 anos, do 11 ao 15 de xullo e do 18 ao 22 de xullo. Ademais, do 22 ao 29 xullo haberá un turno para os rapaces de 12, 13 e 14 anos, así como do 18 ao 29 para os que poden empregar ciclomotor.

As actividades desenvolveranse en horario de mañá, de 10:30 a 13:30 horas, e de tarde, de 18:00 a 20:30 horas, e cada grupo, non superior a 15 alumnos, asitirá ao menos durante unha semana seguida que será asignada previamente, recibindo formación teórica e práctica.

Noticias relacionadas