Carmen Basadre e Aquilino González presentaron este luns as Xornadas de Promoción do Turismo Accesible, coas que colabora o Concello dentro da súa aposta por conseguir unha sociedade máis igualitaria

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o voceiro de accesibilidade de AUXILIA, Aquilino González, presentaron este luns no Salón de Comisións as Xornadas de Promoción do Turismo Accesible, que se celebrarán o vindeiro mércores, 11 de novembro, no centro de convivencia Uxío Novoneyra. O Concello colabora con AUXILIA na terceira edición desta iniciativa, posto que se enmarca na súa aposta pola igualdade e pola defensa dos dereitos básicos de todos os veciños e veciñas, co fin de conseguir unha sociedade máis igualitaria. “No Concello de Lugo apostamos por un turismo do século XXI: cultural, gastronómico, accesible e ben posicionado”, destacou Basadre.
No acto de presentación, a Concelleira tamén puxo en valor “a gran labor de AUXILIA” e incidiu na “estreita colaboración da entidade local con este colectivo”, que se articula a través do Gabinete Municipal de Accesibilidade, que nos últimos anos permitiu actuar con eficacia para eliminar as barreiras arquitectónicas e adaptar a cidade a todos os lucenses e visitantes.
Pola súa banda, González agradeceu “a vontade do Concello” para realizar actividades deste tipo, ao tempo que animou aos lucenses a participar nestas xornadas, que teñen como finalidade concienciar sobre a importancia de apostar polo turismo accesible. Neste senso, o voceiro de AUXILIA manifestou a súa satisfacción porque Lugo recibise a distinción de mellor destino turístico accesible de España, “unha oportunidade para promover Lugo como cidade accesible”.
Programación
As xornadas arrancarán ás 18:00 horas con tres conferencias a cargo de representantes de Aspaym Galicia, Equalitas Vitae e Silleros Viajeros, que darán a coñecer aplicacións informáticas para localizar recursos accesibles e falarán sobre diferentes portais e blogs de viaxes accesibles. Para rematar, terá lugar un coloquio, ás 20:00 horas, que versará sobre a promoción de Lugo como destino accesible. Nesta mesa redonda intervirán Quili González, de AUXILIA Lugo, Cheché Real, da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería e Turismo de Lugo, e Luis Latorre, da Asociación Lugo Monumental.
Audio
- Carmen Basadre, sobre as Xornadas de Promoción do Turismo Accesible|Descargar mp3