A Praza de Santa María e o aparcadoiro do Seminario vibrarán no San Froilán co rock de 10 bandas luguesas

Os días 9 e 10 de outubro actuarán Mhythical Fail, Lastway, Maldia, Barbarina Prophecies, Kalte Sonne, Bristol, Rockatansky Brothers, Crazy Breeds, Zootropa e Galiryon

Continúa aberto o prazo de inscrición para os interesados en participar no 2º Concursos de Polbeiras e Polbeiros San Froilán 2015, que terá lugar no Mercado Municipal de Abastos o 8 de outubro, a partir das 16:30 horas

Martes, 25 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, anunciou este martes novas actuacións musicais para o San Froilán 2015, que terá lugar entre o 3 e o 12 de outubro. Trátase dos concertos de 10 bandas de rock luguesas que actuarán o 9 e o 10 de outubro, na Praza de Santa María e no aparcadoiro do Seminario, respectivamente.

A edil destacou que “con estas actuacións apostamos polos grupos locais, polos nosos artistas, que son os que contribúen a facer máis grandes as nosas festas”.

A noite do venres, 9 de outubro, estará protagonizada polo rock lugués de Mhythical Fail, un grupo creado hai 5 anos por mozos amantes da música alternativa que fai o que máis lles gusta, divertirse ao ritmo de rock; Lastway, autores do traballo discográfico Cuarteles de Invierno; Maldia, uns metaleiros que recollen os antigos cánones do metal e os reescribe; Barbarian Prophecies, unha banda asentada nos sons dealth e thrash e Kalte Sonne, unha grupación vangardista que combina o Black Metal co Post-Rock.

O sábado 10 de outubro os ritmos máis trangresores e contundentes virán da man dos alternativos Bristol, do dúo de guitarra e batería de Rockatansky Brohters, dos directos improvisados de Crazy Breeds, das letras con mensaxe de Zootropa e dos metálicos Galiryon .

O polbo, un dos grandes reclamos do San Froilán

O Concello de Lugo mantén aberto o prazo de inscrición para o 2º Concurso de Polbeiros e Polbeiras San Froilán 2015. Todos os profesionais especializados na cocción e no servizo do polbo que desenvolvan a súa actividade no territorio de Galicia poden anotarse ben no correo electrónico cultura@concellodelugo.org ou a través do fax 982 29-71-06, ata o día 22 de setembro. A solicitude de inscrición pode descargarse da páxina web www.lugo.gal. A aceptación e inscrición de participantes desenvolverase por estrita orde de inscrición e cun máximo de 8 polbeiras e polbeiros, 2 máis que a pasada convocatoria.
O concurso levarase a cabo o día 8 de outubro, no Mercado Municipal de Abastos, na rúa Quiroga Ballesteros, a partir das 16:30 horas. O xurado, composto por cinco profesionais do sector valorará o sabor do polbo, a textura e o seu punto de cocción, o adobo, o corte e a presentación.
A degustación será limitada a un máximo de 300 persoas, que deberán retirar previamente o ticket no propio Mercado por importe de 1 euro, ese mesmo día entre as 17:00 e as 19:30 horas.
O gañador/a do concurso recibirá un premio dotado con 1.000 euros, 400 euros máis que a pasada edición. O segundo premio consistirá nunha noite de aloxamento, almorzo e circuito termal no Balneario de Lugo. Todos os participantes recibirán un lote de produtos do Mercado Municipal e diploma acreditativo.

Audios

Noticias relacionadas