A Policía Local levantou durante o pasado ano 102 actas de denuncia ao detectar outros tantos vehículos abandonados nas rúas da cidade

A rexedora, Paula Alvarellos, e o Intendente, Jesús Piñeiro, visitaron o depósito municipal de vehículos para coñecer de primeira man a situación destas instalacións.

Alvarellos puxo en valor o traballo da Policía Local pois “a retirada destes automóbiles contribúe a mellorar a seguridade viaria e promover unha contorna urbana máis limpa”.

Destes 102 vehículos: 93 son turismos; 3 remolques; 3 furgonetas e 3 todo-terreo.

Mércores, 20 de marzo de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Policía Local levantou durante o pasado ano 102 actas de denuncia ao detectar outros tantos vehículos abandonados nas rúas da cidade

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, acompañada do Intendente da Policía Local, Jesús Piñeiro, visitou o depósito municipal de vehículos para coñecer de primeira man a situación destas instalacións que prestan un servizo 24 horas para a recollida de vehículos retirados da vía pública, sancionados por mal estacionamento, abandono ou outras infraccións.

Durante a visita, a rexedora informou que “ao longo do ano 2023, efectivos da Policía Local de Lugo levantaron 102 actas de denuncia, ao detectar outros tantos vehículos abandonados nas rúas da cidade, sendo remitidas ao órgano competente para a apertura do correspondente expediente sancionador e posterior retirada da vía pública para o seu tratamento como residuo sólido”.

“Destes 102 vehículos: 93 son turismos; 3 remolques; 3 furgonetas e 3 todo-terreo”, subliñou Alvarellos, quen puxo en valor o traballo da Policía Local pois “a retirada destes automóbiles que son deixados nas rúas sen uso prolongado contribúe a mellorar a seguridade viaria, previr posibles delitos, e promover unha contorna urbana máis limpa, segura e agradable para todos os cidadáns, ademáis de mellorar o aspecto visual e ambiental da cidade”.

Os vehículos retirados da vía pública son levados ao depósito municipal onde se forman lotes que posteriormente son subastados. Cada mes, todas as patrullas da Policía Local nos seus respectivos distritos teñen encomendada a vixiancia de vehículos que presentan sinais de abandono. No momento que se detecta un automóbil sen uso prolongado, levántase acta e comunícaselle ao propietario. En caso de que este non actúe vencidos os prazos do expediente, que oscilan entre os 6 e os 10 meses, díctase decreto para a súa retirada.

As zonas onde se detectaron os vehículos abandonados o ano pasado son:

  • 57 vehículos detectados na zona norte da cidade
  • 33 vehículos detectados na zona sur da cidade
  • 12 vehículos detectados en polígonos industriais

Noticias relacionadas