Pilar García Negro, figura central da vida cultural galega dende os anos 80, recibirá este sábado unha homenaxe en Lugo

A Alcaldesa, o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e o coordinador da sección de Literatura e Tradición Oral deste colectivo presentaron os actos para poñer en valor a traxectoria da autora lucense

Consistirán no descubrimento dun monolito e a plantación dun magnolio na Praza do Ferrol, a entrega da Letra E no Concello e un encontro de confraternidade

Luns, 05 de xuño de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Pilar García Negro, figura central da vida cultural galega dende os anos 80, recibirá este sábado unha homenaxe en Lugo

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez, e o coordinador da sección de Literatura e Tradición Oral deste colectivo, Antonio Reigosa, presentaron este luns no Salón de Plenos do Concello a homenaxe que recibirá a lucense Pilar García Negro, figura central da vida cultural galega dende os anos 80, na súa terra natal o vindeiro sábado, 10 de xuño. En García Negro recae a 23ª edición da homenaxe A Escritora na súa Terra – Letra E, impulsada pola AELG e que nesta ocasión conta coa colaboración do Concello. A iniciativa ten como obxectivo honrar aos escritores e escritoras galegos procurando o contacto directo co autor ou autora, e a implicación persoal na xornada de homenaxe.

Os actos consistirán no descubrimento dun monolito conmemorativo e a plantación dun magnolio, ás 11:30 horas, na Praza do Ferrol, onde Pilar García Negro xogaba de nena e onde ía ao colexio, e moi preto de onde naceu; a entrega, ás 12:30, da Letra E no Salón de Plenos do Concello e dunha peza escultórica da artista lucense Mónica Alonso; e un xantar de confraternidade no restaurante Torre de Núñez a partir das 14:30.

“Onde está Pilar, está Galicia”, subliñou a Alcaldesa para poñer de relevo o compromiso de García Negro co país. “Ese debe ser o gran obxectivo. Que onde esteamos cada un dos galegos e galegas debe estar Galicia presente, e polo tanto a súa lingua, cultura e tradición, sobre todo aquelas persoas que temos cunha proxección pública ou representación”, asegurou Lara Méndez.

A rexedora enxalzou o traballo que dende o ano 1980 desenvolve a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en prol da dignificación do oficio de escritor, así como da promoción dos autores e autoras e das súas obras, un colectivo que reúne a máis de 415 escritores de todos xéneros, poesía, narrativa, teatro ou ensaio, o que “pon de manifesto a viveza e a riqueza cultural que temos”, afirmou Méndez.

O presidente da AELG agradeceu pola súa banda o apoio do Concello e da Alcaldesa na organización da homenaxe e destacou que “é unha especial satisfacción que Pilar García Negro elixira para celebrar a homenaxe a súa cidade natal”, unha cidade “que quere aos seus escritores”.

Cesáreo Sánchez explicou que é a primeira vez que a AELG outorga unha homenaxe a unha ensaísta, e a unha muller lucense na cidade de Lugo, destacando da súa traxectoria a “clave feminista en todo o que fai, dando novas visións a temas que se dan por sabido, pero na que faltaba a lectura dunha muller coa capacidade intelectual e literaria que ela ten”. “Como pensadora, creadora e participante en proxectos colectivos por toda Galicia, ten especial peso a investigación e divulgación extensiva, horizontal, que fai da figura e da obra de Rosalía, unha figura principal dentro do seu facer literario”, engadiu o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

A homenaxe a Pilar García Negro, destacou Antonio Reigosa, “é unha gran oportunidade para seguir abrindo un camiño de singularización e visibilización das mulleres lucenses. Lugo é patria de mulleres rebeldes, comezando por María Castaña e seguindo por Enriqueta Otero. Pilar García Negro engancha con esa memoria, con esa rebeldía”.

Noticias relacionadas