A rexedora, xunto coas concelleiras de Benestar Social e Cohesión Territorial, escoitou as demandas do sector, que reclama medidas para frear o encarecemento das pólizas de seguro.
Alvarellos salientou a importancia do taxi como servizo público esencial e para garantir a mobilidade en todo o territorio.
"Deben tomarse medidas que aseguren a viabilidade do sector e a continuidade do seu labor, especialmente no rural", destacou a alcaldesa.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e as concelleiras de Benestar Social, Olga López Racamonde, e de Cohesión Territorial, Ana González Abelleira, visitaron esta mañá aos taxistas concentrados na Praza Horta do Seminario para trasladarlles o respaldo do Goberno local fronte ao aumento dos custos das pólizas de seguro.
A rexedora puxo en valor o papel fundamental que desempeña o sector do taxi na cohesión territorial e na mobilidade da cidadanía, tanto no ámbito urbano como no rural. "Falamos dun servizo esencial para moitas persoas, en especial para aqueles colectivos que non contan con alternativas de transporte", sinalou Alvarellos, quen apelou á necesidade de que as administracións tomen medidas para garantir a súa sostibilidade.
Pola súa banda, os profesionais do sector explicaron a situación límite á que se enfrontan, con primas de seguro que en moitos casos duplican os custos anteriores e que, nalgúns casos, fan inviable manter a actividade. O rexedora recolleeu as preocupacións do sector e trasladoulle “o compromiso de seguir traballando en defensa dun servizo que resulta fundamental para a conectividade e o desenvolvemento do territorio”.


