A alcaldesa asistiu ao recital poético Irmás Sonoras, a cargo de seis reputadas escritoras, e puxo en valor que “a cultura dea visibilidade a esta lacra como vía para a súa erradicación”.
O Vello Cárcere acolleu a performance ideada por Yolanda Castaño e coa participación das reputadas poetisas Chus Pato, Olga Novo, Olalla Cociña, Nieves Neira e Tamara Andrés.
No acto, organizado pola Delegación do Goberno con motivo do 25N, a rexedora municipal destacou a necesidade de “eliminar o negacionismo machista e avanzar en políticas feministas”.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, asistiu esta mañá ao acto organizado pola Delegación do Goberno no Vello Cárcere, con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Centrou a actividade o recital poético Irmás Sonoras, comisariado pola poetisa Yolanda Castaño e coa participación doutras cinco reputadas escritoras galegas. Na inauguración do acto, a cargo da propia Castaño e da subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, Paula Alvarellos fixo fincapé en que “Sociedade e administracións temos que ser unha voz única, nunha loita conxunta fronte á violencia machista”, ao tempo que sinalou que “co acto de hoxe a cargo destas poetas de renome, a cultura sirve para dar visibilidade a esta lacra social como unha vía máis para a súa erradicación”.
A rexedora municipal destacou a importancia de “ser unha voz única fronte á violencia de xénero”. Neste sentido comentou que “ao igual que as voces destas mulleres que hoxe nos acompañan vanse unir nunha única voz, as e os que representamos ás institucións debemos fomentar unha unión maior: dos nosos recursos, económicos e asistenciais; cun maior acento nas campañas divulgativas que dean visibilidade a esta lacra social. Administracións, educadores, pais e nais e os distintos ámbitos da sociedade temos a obriga de ser unha única voz fronte á violencia de xénero”, incidiu.
O patio do Vello Cárcere serviu de escenario para este recital poético, comisariado por Yolanda Castaño, e coa participación da performer Neves Seara e das poetisas galegas Chus Pato, Olga Novo, Olalla Cociña, Nieves Neira e Tamara Andrés. Ao igual que nesta obra se abordaron con poemas diferentes aspectos que contribúen á violencia machista, a alcaldesa de Lugo sinalou durante a súa intervención que “hai que avanzar noutras problemáticas que inciden en que sigamos contabilizando estes asasinatos e progresar tamén nas políticas de igualdade”.
Neste sentido, Paula Alvarellos fixo fincapé na necesidade de “erradicar o negacionismo machista, que se está a facer un perigoso espacio na nosa sociedade; eliminar a brecha salarial para que as mulleres teñan maior independencia económica e liberdade; avanzar en políticas feministas para facilitar unha maior conciliación, e incrementar a atención xurídica, psicolóxica e asistencial que se presta ás mulleres vítimas de violencia de xénero”.
A alcaldesa de Lugo tamén falou da urxencia e da obrigación de loitar contra a violencia de xénero desde todos os ámbitos da sociedade, tamén desde a cultura con todo o que a poesía pode aportar. “Contamos hoxe con varios premios nacionais de poesía; integrantes da Real Academia Galega; escritoras, xornalistas e poetisas, todas elas de renome, ás que quero agradecer a súa presencia aquí para apoiar esta importante loita e para que as súas voces se fagan oír máis ca nunca”, sinalou Paula Alvarellos, quen rematou desexando “unha sociedade sen sitio para a violencia machista, igualitaria e libre”.
Pola súa banda, a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez falou da necesidade de que “se fale de violencia machista; que se denuncien as agresións e que se apoie ás vítimas desde os poderes públicos” asegurando que “non é o momento de calar”. A subdelegada do Goberno fixo fincapé en este aspecto e insistiu en que “debemos ser nós, as mulleres e os homes que estamos en cargos públicos, as primeiras altofalantes destas denuncias. E máis aínda, debemos ser as primeiras e os primeiros en dar exemplo deste compromiso”.




