Paula Alvarellos presenta Lugo en FITUR como “un destino único para conectar cun mesmo” pola súa historia, espiritualidade e natureza

A rexedora desvelou o novo spot promocional, protagonizado polo actor Javier Varela, quen percorre a Vía Künig ata chegar á cidade, resaltando o valor do patrimonio lucense.

“Este vídeo é un reflexo do que Lugo representa: un destino que invita a quedar, a descubrir e a vivir unha experiencia inesquecible”, destacou.

Alvarellos explicou que se trata, así mesmo, do único lugar no mundo onde é “Ano Santo todos os días”, grazas ao privilexio da Indulxencia Plenaria concedido á catedral lucense

“Lugo é moito máis que unha parada no camiño: é un lugar para reconectar coa nosa esencia e vivir unha experiencia única”, asegurou Paula Alvarellos.

Venres, 24 de xaneiro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Paula Alvarellos presenta Lugo en FITUR como “un destino único para conectar cun mesmo” pola súa historia, espiritualidade e natureza

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, presentou este venres na Feira Internacional de Turismo, FITUR 2025, a nova campaña promocional do municipio, ‘Lugo, parte do teu camiño’. A rexedora foi a encargada de desvelar esta proposta no stand de Galicia, situado en IFEMA, acompañada polo concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, e a edil de Cultura e Turismo, Maite Ferreiro, entre outras autoridades.

Durante a presentación, Alvarellos destacou que a campaña busca poñer en valor a singularidade de Lugo como destino turístico único no mundo, grazas á confluencia dos seus tres Patrimonios da Humanidade: a Muralla Romana, a Catedral de Santa María e o Camiño Primitivo. Ademais, subliñou que Lugo é un lugar onde “o terrenal e o divino se entrelazan”, grazas a elementos singulares como a Exposición Permanente do Santísimo Sacramento no altar maior da Catedral e o privilexio da Indulxencia Plenaria Cotidiana e Perpetua –concedido mediante unha bula papal centenaria–, que converten á cidade “no único lugar do mundo onde é Ano Santo todos os días”.

“Lugo é moito máis ca unha parada no camiño, é un destino que invita á reconexión persoal, a descubrir a espiritualidade e a vivir unha experiencia inesquecible. Queremos que as persoas que nos visiten leven con elas unha parte da nosa historia e da nosa esencia”, asegurou Alvarellos.

A campaña 'Lugo, parte do teu camiño' inclúe, ademais de folletos informativos, un novo spot promocional, protagonizado polo actor lucense Javier Varela, que narra a experiencia dun peregrino que percorre a Vía Künig ata chegar a Lugo. No vídeo tamén participan Javier Gómez, historiador e presidente da Asociación Vía Künig; Mario Vázquez Carballo, deán da Catedral de Lugo; e Ramón Basanta, presidente da Xunta de Confrarías de Lugo.

O spot amosa a riqueza do patrimonio histórico-artístico da cidade, como a Muralla e a Catedral, así como a súa gastronomía e tradicións. Neste senso, a alcaldesa detallou que “este vídeo é un reflexo do que Lugo representa: un destino que invita a quedar, a descubrir e a vivir unha experiencia inesquecible”.

Lugo: historia, tradición e natureza

Na súa intervención, Alvarellos tamén destacou que Lugo se atopa integramente dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño, un entorno natural privilexiado que completa a oferta da cidade como destino sostible e auténtico. Tamén puxo en valor a tradición gastronómica lucense, representada polo famoso lema 'E para comer... Lugo', un sinal de identidade que reforza a hospitalidade e a calidade dos produtos locais.

Por outra parte, lembrou a relevancia de Lugo no calendario cultural do país, grazas a eventos como a Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, que se celebra desde 1669, e a Semana Santa lucense, que atrae a centos de visitantes cada ano. Así como como no calendario festivo con eventos como as festas patronais do San Froilán; o festival de música Caudal Fest; ou o Arde Lvcvs, recentemente declarado Festa de Interese Turístico Internacional.
 
A alcaldesa pechou a súa intervención invitando ao público de FITUR a visitar Lugo: “Como vedes, Lugo non é só unha parada no camiño, é un lugar onde conectar cun mesmo, onde a historia, a tradición e a espiritualidade se combinan para deixar unha pegada inesquecible. Estaremos encantados de recibirvos na nosa cidade, un destino que deixa pegada en quen o visita”. A presentación concluíu coa proxección do spot promocional, que xa está dispoñible para a súa visualización nas diferentes canles online do Concello: Youtube, Instagram, Facebook e X.

Máis info

Multimedia

  • Paula Alvarellos presenta Lugo en FITUR como “un destino único para conectar cun mesmo” pola súa historia, espiritualidade e natureza
  • Paula Alvarellos presenta Lugo en FITUR como “un destino único para conectar cun mesmo” pola súa historia, espiritualidade e natureza
  • Paula Alvarellos presenta Lugo en FITUR como “un destino único para conectar cun mesmo” pola súa historia, espiritualidade e natureza

Noticias relacionadas