A alcaldesa asistiu á ofrenda a Rosalía de Castro e enxalzou a traxectoria das oferentes, Ana Carreira e Marga Portomeñe, polo seu compromiso coa cultura galega no ámbito do teatro, da literatura e da docencia.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, presidiu xunto á concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, a ofrenda a Rosalía, que este ano correu a cargo da dramaturga, actriz e escritora Ana Carreira e da docente, tamén actriz, escenógrafa e artesá Marga Portomeñe. A rexedora municipal sinalou que esta ofrenda “é un momento emocionante, con moito significado desde o punto de vista do compromiso coa igualdade, coa lingua galega e coa conservación das nosas tradicións, que tamén son referentes nesta xornada do Domingo das Mozas”. Paula Alvarellos explicou ademais que “tanto a vida como a obra de Rosalía supuxeron un dobre compromiso: pola igualdade das mulleres e tamén unha reivindicación pola lingua galega”.
A rexedora municipal enxalzou a traxectoria profesional das dúas oferentes, precisamente por intensificar “co seu traballo ese compromiso coa cultura galega no ámbito do teatro, da literatura e da docencia”. Pola súa banda, Ana Carreira e Marga Portomeñe despregaron na ofrenda as súas dotes como actrices para facer un repaso polos personaxes de Rosalía e dalgunhas das mulleres que protagonizaron as súas obras. O acto contou ademais coa actuación musical do Coro de Cántigas e Frores e coa asistencia de varios representantes da Corporación Municipal.




